Acción e Verdegaia recordan que a ''mercantilización de sentimentos'' é insostible

As asociacións Ecoloxistas en Acción e Verdegaia advertiron hoxe, véspera da celebración do día de San Valentín, da insostenibilidade de determinados hábitos de consumo tradicionais nesa data como regalar flores, por considerar que se trata dunha "mercantilización dos sentimentos".

Nun comunicado, Verdegaia subliña que detrás desa tradición de demostrar o seu amor á parella cun ramo de flores, hai todo un comercio cunha "grave pegada de degradación social e ambiental". "As flores en moitos casos proceden de países como Colombia e Ecuador, onde son cultivadas por mulleres en condicións laborais precarias que traballan expostas á toxicidade de produtos fitosanitarios", denuncian os grupos ecoloxistas.

Arremeten ademais contra as empresas de publicidade por considerar que "promoven estilos de vida profundamente insostibles, tanto social como ambientalmente, baseados na dilapidación" dos recursos, ademais de intentar "situar o consumo e a acumulación de bens na cima da escala de valores e no obxectivo das aspiracións".

Comentarios