Adega denuncia a construción de 14 centrais máis nos ríos Miño e Sil

A organización ecoloxista Adega denunciou a tramitación da construción de 14 centrais hidráulicas nos ríos Miño e Sil, adicionais á de Santo Estevo, o que repercutirá "negativamente" no turismo.

Adega sinala, nun comunicado, que estas novas instalacións, cun total de 1.310 megavatios previstos, suporía un "brutal impacto" na zona, e advirte de que a construción das denominadas centrais de ciclo "reversible" é un "fraude". Así mesmo, denuncia a "incompetencia" da Xunta por non licitar, desde 2001, o plan reitor de uso e xestión ambiental do canón do Sil, así como doutros moitos espazos protexidos, puntualiza a nota.

Os ecoloxistas cualifican, ademais, de "burla" as afirmacións sobre o aumento do turismo pola construción de lagos artificiais no canón do Sil. "A administración ambiental galega está a pór en risco o obxectivo principal para o que foi creada: a protección e conservación do noso patrimonio natural, converténdose de feito nun dos principais factores da súa degradación", sinala o comunicado de Adega.

A nota da organización ecoloxista intervén nun momento de polémica por supostas irregularidades en obras que levan a cabo na central de Santo Estevo. Neste sentido, o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, afirmou hoxe que os caudais mínimos do río Sil "cúmprense" a pesar das obras que acomete Iberdrola no encoro de Santo Estevo, denunciadas ante a Fiscalía polo BNG e axentes forestais.

Comentarios