Alanis Morissette confesa que foi vítima con 15 anos dunha violación múltiple

"Eran todos uns pedófilos", denuncia a artista, de 47 anos
Alanis Morissette. KAMIL KRZACZYNSKI
photo_camera Alanis Morissette. KAMIL KRZACZYNSKI

A cantante Alanis Morissette denunciou que cando tiña 15 anos sufriu unha violación múltiple, tal e como reflectiu nun documental que xa se puido ver no Festival Internacional de Cine de Toronto. A película, producida por HBO, chámase Jagged e nela relata, da súa propia voz, o violento episodio que viviu cando ela xa era unha adolescente estrela do pop canadense.

"Tiven que facer anos de terapia para admitir que houbera parte de victimización pola miña banda", declara Morissette no documental. "Eu sempre me dicía que foi consentido, pero logo recordaba: 'Ey, tiñas 15 anos, non dás o teu consentimento con 15 anos'. Agora xa digo: 'Eran todos uns pedófilos'. É unha violación de menores", engade a artista, de 47 anos.

A cantante canadense non deu os nomes dos violadores, pero si recoñeceu que sufriu presións por parte da industria para que non fixese pública a violación e que naquel momento non lle fixeron caso: "Díxenllo a algunhas persoas, pero fixeron oídos xordos". "O feito de que eu non contase información específica sobre a miña experiencia como adolescente foi por querer protexer: protexer aos meus pais, protexer aos meus irmáns, protexer ás futuras parellas", explica a protagonista.

Nese sentido, Morisette non dubida en cargar contra os que critican ás vítimas por denunciar pasado un tempo. "Moita xente di: '¿Por que esa muller esperou 30 anos?'. E eu digo: 'á merda'. Non esperan 30 anos. É que ninguén escoitaba. O seu sustento ou a súa familia foron ameazados".

Alanis Morissette foi das primeiras en pór o foco sobre os abusos na música e asegurou nunha entrevista en 2020 que "case todas as mulleres na industria musical foron asaltadas, acosadas, abusadas. é omnipresente. Máis na música, incluso, que no cine". "É só cuestión de tempo que empecen a coñecerse todas esas historias", engadiu naquel momento Morissette, que lamentaba que as vítimas se enfronten á ameaza de perder o seu traballo, a súa reputación ou de que non se lles crea".