Alejandro Sanz tocou aos 14 anos nun bar de Foz por un prato de mexillóns

Marisa Otero, por entón propietaria da Taberna, relata como era o hoxe cantante e recorda algunhas curiosas anécdotas
Marisa Otero, este jueves en A Taberna, el local donde tocó Alejandro Sanz
photo_camera Marisa Otero, este jueves en A Taberna, el local donde tocó Alejandro Sanz

A conexión Alejandro Sanz-Foz regresa ao primeiro plano. O detonante foi a entrevista que lle fixo Bertín Osborne no seu programa En la tuya o en la mía, o pasado mércores. Recordou o cantante como con 14 anos a vida cuspiulle á cara o seu primeiro desamor. Foi Marta, unha veciña de Madrid, á que perseguiu á costa de Lugo, onde veraneaba xunto aos seus pais.

O madrileño, que tamén ten raíces galegas -cun avó natural de Santiago-, aterrou xunto a un amigo en Foz, tras unha breve parada en Lugo. Puxeron a tenda de campaña enfronte da Rapadoira, unha praia ancha e cunha ducha no centro.

Na década dos 80, en Foz, A Taberna comezaba unha exitosa andaina, que ten continuidade na actualidade. Tamén funcionaba o Chiringo de la playa. Ao redor da praia urbana vivíanse as estivais noites ochenteras.

Tocou na Taberna, un bar situado na Rapadoira e propiedade de Marisa, que lle dixo: "Aquí só tocan a guitarra os que saben"

Alejandro, ferido polo desamor de Marta, buscábase a vida. E foi a dar ao bar de Marisa Otero, propietaria entón da Taberna. "Cando me preguntou se podía tocar díxenlle: ‘Aquí só tocan os que saben", apuntaba este xoves Marisa, que rebusca na súa memoria anécdotas mil veces contadas. Entón Alejandro era un adolescente rebelde de 14 anos que se escapou de casa para perseguir ao seu primeiro amor.

Recorda Marisa como lle daba un prato de mexillóns cando collía a guitarra que, por aquel entón, tamén manexaban con soltura e presteza Xesús do Breogán e Ton Alonso, actual director do colexio Martínez Otero de Foz, e dono dunha peculiar e profunda voz. "Era moi delgadín", di Marisa de Alejandro, que tamén recorda a Marta, o motivo da súa tolemia adolescente. "Era filla do Huesos, un señor de Foz que emigrou a Madrid e que viña pasar o verán cos seus fillos", apunta Marisa.

A GORRA ASINADA. A expropietaria da Taberna recorda como estaba de moda, entón, posuír en cada local nocturno unha guitarra. "Tiñámola colgada na parede", subliña, mentres lle asalta de novo un novo episodio.

Foi nun pobo de Guadalaxara, de onde é o seu marido. Pasaba o matrimonio uns días alí e, casualidades da vida, tocaba cerca Alejandro Sanz. "Eu non quería ir velo, pero me insistiron os amigos e achegueime; os de seguridade non me deixaron, pero lle gritei que era a dos mexillóns de Foz e asinoume unha gorra", di.

Alejandro tivo un descoido durante a entrevista. Dixo que o nome do bar era A Guitarra, non A Taberna. "Perdóollo", di Marisa, que está agradecida porque Sanz nunca esqueceu onde empezou musicalmente.

Os camiños de Marisa e de Alejandro Sanz cruzáronse nun tempo onde a noite se escribía con maiúsculas. A empresaria seguiu no seu mundo da hostalería, e xa neste século rexentou Porto Chico, un restaurante que tamén tivo un gran éxito.

O cantante, un descoñecido imberbe cando as súas vidas se cruzaron, foi dando pasos de xigante na música ata acabar na cima, con millóns de discos vendidos e unha infinidade de premios que recoñecen unha carreira á que aínda queda percorrido.

Comentarios