Google non instalou en segredo unha app sobre o Covid-19 para espiarnos

En realidade trátase dun código informático que permitirá o funcionamento de aplicacións de prevención do coronavirus que non almacenarán datos persoais e que precisa a aprobación do usuario

Google e Apple xa comezaron a instalar nos menús dos sistemas operativos Android e IOS un novo servizo, que se utilizará en breve para que os gobernos fagan seguimentos dos casos de coronavirus da poboación. Baixo o epígrafe "notificacións de exposición ao Covid-19", moitos móbiles xa teñen aplicada esta posibilidade nos menús (en Google de axustes de Android e no apartado de Saúde de IOS).

Información do servizo de seguimento nun móbil. DP - copiaPolo momento todas as opcións do novo servizo están desactivadas, porque é necesaria unha app para que funcionen e esa aplicación será a que desenvolverá cada país coas particularidades que decida. O obxectivo é que se poidan rastrexar os casos positivos e a súa posición, sempre coa aprobación do usuario. O uso dos servizos será voluntario, insisten desde ambas as multinacionais.

O feito de que ambos os sistemas operativos instalasen esta extensión sen que fose necesario outorgar permiso fai que xurdan os primeiros receos sobre a privacidade. Hai vídeos circulando polas redes sobre a posibilidade de que nos espíen.

Se os usuarios participan nese programa rexistrarán nos seus móbiles (e non en servidores centralizados) unha serie de identificadores de dispositivos cos que estiveron en contacto. Se algún deles pertence a alguén que acaba contaxiándose e informando diso a través desas aplicacións oficiais, o sistema enviará avisos ao resto de usuarios.

Comentarios