As baleas e os golfiños escollen as augas galegas para alimentarse

Unha balea amolada, rorcuais, marsopas e numerosos golfiños foron vistos na Ría de Arousa. O avistamento que máis chamou a atención foi unha balea azul en Fisterra

A costa galega volve ser o lugar elixido por baleas e golfiños que foron avistados durante os últimos días. O Instituto para o Estudo dos Mamíferos Mariños, BDRI, do Grove, que leva anos estudando os hábitos destes cetáceos en augas galegas, puido constatar recentemente a presenza dunha balea amolada, rorcuais, marsopas e numerosos golfiños na Ría de Arousa.

Pero o avistamento que máis chamou a atención foi o dunha balea azul bañándose preto de Fisterra a pasada semana. Segundo os investigadores, trátase dun exemplar "novo que mide uns 19 metros e é aínda pequeno", tendo en conta que a balea azul é o animal máis grande do planeta e pode alcanzar os 30 metros de longo e máis de 170 quilos de peso.

Nun vídeo publicado o pasado venres, o BDRI publicaba a presenza da balea en augas de Galicia. Agora volveron publicar unha nova gravación. Neste caso, a balea aparece alimentándose, unha imaxe que fai pensar que as baleas azuis poden volver á zona.

A presenza de baleas e golfiños na costa de Galicia e na Ría de Arousa débese, indican desde o BDRI, a que "esta especie regresa en busca de alimento e podería volver establecer unha antiga ruta de migración varias décadas despois de que fose case exterminada por baleeiros comerciais durante o século pasado".

A elección de augas galegas en busca de alimento e para a súa reprodución nelas significa a abundancia de plancto, peixes e cefalópodos no leito mariño.

A aparición desta especie levantou os ánimos dos investigadores e curiosos que, a través dos vídeos subidos ás redes sociais polo Instituto para o Estudo dos Mamíferos Mariños, poden ver a estas especies gozando de augas galegas.

Desde o BDRI aseguran estar "afeitos a ver grupos de centos de golfiños e outras especies, pero atopar tantas baleas na nosa costa dános aínda máis ánimos para seguir coas nosas expedicións".

Comentarios