Benestar quere previr os malos tratos a maiores e adultos con discapacidade

A Consellería de Traballo e Benestar está a ultimar un protocolo de actuación coordinada contra os malos tratos de persoas maiores en xeral e adultas con discapacidade, que estará en marcha o próximo mes de maio. Nestes momentos, o protocolo está a ser elaborado en consenso cos servizos sociais dos concellos e de atención primaria, o colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, o comité español de representantes de persoas con discapacidade (Cermi), Curz Vermella, corpos e forzas de seguridade, a Fiscalía superior de Galicia e outros departamentos da Xunta, como o Sergas ou a Secretaría Xeral de Igualdade.

Esta iniciativa ten por obxectivo a prevención mediante a creación de novas ferramentas de carácter preventivo, a detección de posibles casos e a consecuente intervención e atención. O fin último é ordenar, acordar e mellorar as diferentes actuacións que leven a cabo para optimizar os recursos e promover un modelo especializado neste problema social.

O protocolo pretende ser unha ferramenta de apoio ao labor dos profesionais e fixa uns criterios unificados para todos os traballadores e traballadoras implicados no proceso de detección duns malos tratos. O protocolo inclúe recomendacións para a actuación preventiva que comezará nas tarefas asistenciais dos profesionais dos servizos sociais dos concellos.

Para a fase posterior, a da detección, o protocolo distinguirá entre malos tratos no ámbito domiciliario e en centros co fin de facilitar e axilizar a intervención. En ambos os casos, farase unha valoración inicial que confirme a sospeita de malos tratos para estudar se existe situación de risco inmediato. A partir de aí, planificarase a atención de cada profesional. No ámbito familiar porase en marcha un plan de intervención personalizado coas vítimas de malos tratos e nos centros requirirase unha intervención específica coa persoa que maltrata.

A terceira fase do protocolo é precisamente a atención e intervención en diferentes situacións e vai dirixida tanto á vítima dos malos tratos como á persoa responsable do mesmo. A continuación realizarase un plan de intervención individualizado, dependendo de se a persoa acepta a intervención e se está capacitada legalmente para aceptala.

Comentarios