Buscan as raíces galegas do soado cantante cubano Antonio Machín

Era fillo de Juan José Lugo Padín, un ourensán que emigrou a Cuba en 1873, segundo a Xunta
Antonio Machín. EP
photo_camera Antonio Machín. EP

A Xunta está a colaborar con familiares do soado e prolífico cantante e compositor cubano Antonio Machín en buscar as súas raíces galegas, indica o Goberno autonómico de Galicia nun comunicado.

Nacido en 1903 na cidade cubana de Sagua La Gran e falecido en Madrid en 1977, Antonio Abad Lugo Machín era fillo de Juan José Lugo Padín, un ourensán que emigrou a Cuba en 1873, segundo a Xunta.

Na illa caribeña, o galego emigrado contraeu matrimonio con Leoncia Machín e tiveron quince fillos, entre eles o cantante coñecido por ser unha grande estrela do bolero.

Un dos irmáns do cantante, Juan Lugo Machín, emigrou a Estados Unidos e agora un dos seus netos contactou co Goberno autonómico galego para achar as raíces da familia, sinala a Xunta.

Indica que a procura da árbore xenealóxica podería ser posible mediante un servizo que ofrece a Xunta para investigar os ascendientes e que permitiu xa localizar e ofrecer máis de 4.000 partidas de nacemento a familiares de emigrantes galegos.

Comentarios