Casado substitúe a Pastor en 'Los Desayunos de TVE'

Ana Blanco seguirá sendo o rostro do Telexornal 1 de TVE, mentres que María Casado substituirá a Ana Pastor en Los Desayunos de TVE, á vez que Marta Jaumandreu presentará o Telediario 2 e Marcos López e Raquel Martínez farán o propio cos telexornais da Fin de Semana.

O Director dos Servizos Informativos de Televisión Española, Julio Somoano, completa así o equipo de editores e presentadores dos diferentes telexornais e do resto de programas informativos, segundo unha nota de RTVE.

Marta Jaumandreu, licenciada en Ciencias da Información pola Universidade San Pablo CEU de Madrid e Máster en Xornalismo Dixital polo CEF (Centro de Estudos Financeiros) iniciou a súa carreira profesional en RTVE en 1997 e é presentadora e redactora do Informativo Territorial de Madrid de TVE desde o ano 2008.

A editora do TD 2 será Cristina Almandós. Licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, pertence ao persoal en TVE tras obter o número 1 na oposición convocada por RTVE no ano 2000.

Ana Blanco manterase na edición de mediodía dos telexornais logo de 22 anos en TVE, décadas nas que presentou practicamente todos os telexornais da casa, así como numerosos programas especiais informativos e xornadas electorais.

A editora do TD 1 será Elena Ochoa, que ingresou en TVE en 1998. Sempre nos Servizos Informativos, foi, entre outros moitos labores, directora e presentadora da "Tarde en 24 horas" durante os dous últimos anos.

María Casado será a nova presentadora do programa "Los Desayunos de TVE", en substitución de Ana Pastor. Casado incorporouse en 2005 aos Servizos Informativos de TVE en Cataluña como redactora.

Presenta o "Telediario Fin de Semana" desde febreiro de 2006. Ademais, copresentou "Informe Semanal" (2007-2009) e, desde o ano 2009, compaxinou o TD coa edición nacional de "59 segundos", e desde abril deste ano, con 'El debate de La 1'.

A edición dos "Los Desayunos" correrá a cargo de Juanma Romero, xornalista de TVE desde 1985 con responsabilidades nos telexornais. Durante os últimos cinco anos foi editor de informativos de Canle 24 Horas.

Os telexornais da fin de semana seguirán en mans de Marcos López, que estará acompañado a partir de agora por Raquel Martínez, presentadora de Canal 24 horas de TVE desde marzo de 2006. Os devanditos telexornais están a ser editados desde o mes pasado por María Eizaguirre.

Pilar García Muñiz será a nova presentadora do programa "El Debate de La 1", e o programa decano dos Servizos Informativos de TVE, "Informe Semanal", será presentado por Olga Lambea. O editor e director de Informe Semanal é Jenaro Castro, que foi nomeado o pasado 3 de agosto.

O Telediario matinal será presentado por Jesús Amor, ata agora presentador do Canal 24 Horas e o Telediario Internacional, e por Ana Belén Roy (vinculada a TVE desde 1998) e continuará sendo editado por José Luis Agudo, quen en setembro de 1997 pasou a formar parte do persoal do Canal 24 Horas de TVE.

"La Noche
en 24 horas" será presentado por Ana Ibáñez, quen ata agora presentaba xunto a Ángeles Bravo en "La mañana en 24 horas" e previamente tamén traballou en "La tarde" ou "La noche en 24 horas", na etapa de Vicente Vallés.

José Luis Regalado continúa como editor deste programa. Ingresou en TVE por oposición en 1990, e foi, entre outras cousas, director de informativos do Centro Territorial de Castela e León, editor do telexornal matinal, do telexornal terceira edición e dos telexornais da fin de semana.

Comentarios