Charlotte Goiar suspende a súa folga de fame ao ter xa a data para culminar o seu cambio de sexo

A viguesa será operada a finais de xaneiro en Barcelona ► Acusa de "inhumanidade" ao Sergas por tratar ás persoas que sofren a súa síndrome como "pacientes de terceira clase"
Charlotte Goiar
photo_camera Charlotte Goiar

A paciente de 44 anos Charlotte Goiar anunciou este luns que suspende a folga de fame que prevía iniciar este xoves, día 1 de decembro, tras recibir unha comunicación por parte da dirección do Hospital Álvaro Cunqueiro informándolle de que xa hai data para a súa intervención. Aínda que a semana pasada o Sergas manifestou que Goiar xa tiña fixada a operación para dentro dunhas semanas e que a viguesa era "coñecedora" da mesma, ela asegura que foi este luns cando recibiu unha chamada telefónica da dirección do hospital informándoa da decisión.

Goiar foi citada para finais de xaneiro para que un equipo de endoscopia a opere para pecharlle a fístula na Clínica Diagonal de Barcelona. Tras permanecer dous días ingresada alí, levará a cabo a reconstrución da asimetría xenital no centro de cirurxía plástica Doutor Iván Mañero, tamén na cidade condal.

Goiar está pendente dunha operación de remodelación estrutural dos xenitais e da reparación dunha fístula



A viguesa, que sofre unha patoloxía de intersexualidade coñecida como Síndrome de Harry Benjamin, criticou ao Sergas por actuar no seu caso con "impasibilidade", a pesar de que unha sentenza ordenaba que a remitise á clínica de Barcelona "o máis axiña posible". Ademais, vinculou o éxito da súa petición á ameaza do inicio da súa folga de fame. "Estes feitos indican por si mesmos a absoluta insensibilidade e inhumanidade" por parte do Servizo Galego de Saúde, concluíu.

En canto ás declaracións do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, acerca de que o seguimento psicolóxico de Charlotte Goiar corresponde nunha parte á EOXI de Vigo e por outra a Cataluña, a viguesa desmentiu que o seu tratamento dependa de Barcelona e subliñou que dita prestación foi "continuamente denegada por parte do Sergas".

A viguesa anunciara que mantería unha folga de fame ata que se datase a súa operación



ANTECEDENTES. Debido a que o Sergas non realiza o tipo de cirurxía de reasignación de sexo que a viguesa precisaba, remitiuna ao Instituto de Cirurxía Plástica doutor Iván Mañero de Barcelona, onde en xaneiro de 2015 foi sometida á operación. Con iso dábase cumprimento á sentenza do Xulgado do Social número un de Vigo, que en 2014 ordenou ao Sergas que, "o máis axiña posible", a remitise á clínica e asumise os gastos que implicase a intervención, incluído o transporte, estancia e a operación. O proceso dilatouse porque o escrito xudicial non especificaba que fose a un centro público ou privado.

Actualmente, Goiar está pendente dunha operación de remodelación estrutural dos xenitais e de reparación dunha fístula, polo que en setembro o Xulgado do Social número un de Vigo instou ao Sergas a que o máis axiña posible a volvese a remitir á clínica de Barcelona. No entanto, como ela entendía que levaba "moito tempo" á espera, anunciou que ata que se datase a operación iniciaría unha folga de fame, que este luns desconvocou.

Coas dúas novas cirurxías, Charlotte Goiar, que criticou que o Sergas trate ás persoas que sofren a súa síndrome como "pacientes de terceira clase", sumará un total de sete intervencións.

Comentarios