Consellos para reducir o risco de infección do coronavirus

Curz Vermella lanza unha serie de recomendacións para protexerse e rebaixar as probabilidades de contaxio
Un investigador analiza posibles casos de coronavirus. EFE
photo_camera Un investigador analiza posibles casos de coronavirus. EFE

O avance do coronavirus supón un reto para os profesionais sanitarios de todo o mundo e un motivo de alerta para toda a poboación. Os investigadores traballan contrarreloxo para frear unha epidemia que afectou xa a 40.235 persoas en China —das que 909 faleceron— e a 319 noutros vinte e catro países, incluído España. Aínda que ao redor dun 80 por cento dos casos son moderados, un 15 por cento graves e só entre un 3 e un 5 por cento son de máxima gravidade e requiren coidados intensivos, o medo ao contaxio esténdese e levou a cancelar ou reducir numerosos eventos internacionais, como o Mobile World Congress de Barcelona, ao que moitas grandes empresas decidiron non asistir.

Neste contexto, Cruz Vermella divulgou unha serie de consellos para minorar o risco de infección. En primeiro lugar, recomenda realizar unha hixiene de mans frecuente, con auga e xabón ou solucións alcohólicas (especialmente logo de contacto directo con persoas enfermas ou a súa contorna) e evitar o contacto estreito con persoas que mostren signos de afección respiratoria, como tose ou estornudos. 

Nesa liña, suxire manter unha distancia dun metro aproximadamente coas persoas con síntomas de infección respiratoria aguda. Ademais, insta a cubrirse a boca e o nariz con panos desechables ou cunha tea ao toser ou estornudar.

Trátase de medidas que tamén protexen fronte a enfermidades frecuentes como a gripe.

Doutra banda, Cruz Vermella recorda que non hai que tomar precaucións especiais cos animais en España, nin cos alimentos, para evitar esta infección. E fai especial fincapé en que as probabilidades de estar infectado non son maiores nas persoas de orixe asiática, sen dúbida unha mensaxe necesaria para previr que aumente a chinofobia que comezou a propagarse coa epidemia.

Comentarios