O Constitucional avala o dereito ao esquecemento nos buscadores de noticias dos medios

Os medios deben impedir o acceso a esas noticias mediante o criterio de procura por nome

Buscador de Google. EP
photo_camera Buscador de Google. EP

O Tribunal Constitucional estableceu que os medios de comunicación que permitan buscar nas súas hemerotecas dixitais por nomes propios poden vulnerar o denominado "dereito ao esquecemento" das persoas afectadas cando estas non teñan relevancia pública.

O Constitucional non obriga aos medios a suprimir das súas hemerotecas os nomes e apelidos das persoas sobre as que publiquen informacións negativas no pasado e agora queiran exercer o dereito ao esquecemento, pero si que impidan acceder a esas noticias mediante o criterio de procura por nome.

A sentenza, divulgada este martes e da que foi relatora María Luisa Balaguer, corrixe en parte o criterio da Sala do Civil do Tribunal Supremo, que rexeitou que un xornal nacional deba suprimir das súas hemerotecas dixitais os nomes e apelidos de persoas condenadas no pasado ou impedir o acceso á mesma a través desa procura por nome.

Neste caso, a demanda fixérona dúas persoas que nos anos oitenta estiveron implicadas no tráfico e consumo de drogas e posteriormente refixeron a súa vida persoal, familiar e profesional.

Ao ver que a noticia que se publicou no seu momento sobre o seu caso aparecía nos motores de procura de internet solicitaron a retirada da noticia da hemeroteca dixital do diario nacional que a publicou, pero o medio rexeitouno, polo que interpuxeron unha demanda en protección da súa honra, intimidade e dos seus datos persoais.

O Supremo considerou que esa supresión ou a prohibición de indexar os datos persoais nos motores de procura sería unha "restrición excesiva da liberdade da información", algo do que, no segundo extremo, discrepa o TC.

A xuízo do tribunal de garantías, esa prohibición de indexar os nomes nos buscadores esa unha medida "limitada, idónea e proporcionada ao fin de evitar unha difusión da noticia lesiva" dos dereitos á honra, á intimidade e á protección de datos.

O Constitucional subliña a importancia do tempo transcorrido, de que os afectados non fosen personaxes públicos e de que, aínda que o publicado tiña interese informativo e social, tamén contiña datos que incidían directamente sobre a súa honra e intimidade. De feito, sostén que o tempo transcorrido restou todo interese á noticia e engadiu "particular gravidade" ao dano que leva a súa difusión sobre os seus protagonistas.

Polo que considera que prohibir a procura por nomes propios e apelidos nas hemerotecas é unha medida "necesaria porque a súa adopción, e só ela, limitará a procura e localización da noticia na hemeroteca dixital sobre a base de datos persoais inequivocamente identificativos das persoas recorrentes". E, ao tempo, permanecerá íntegra na hemeroteca, polo que se poderá atopar "se existe unha finalidade investigadora" na procura de información que vaia máis aló do mero interese nas persoas afectadas.

Esa limitación limita de forma suficiente a difusión da noticia, de modo que non é necesario obrigar aos medios a corrixir as noticias para suprimir os nomes e apelidos.

O Constitucional recalca que o dereito á información non é "absoluto e, ademais de recalcar a importancia do dano transcorrido, subliña que debe ser modulado pola "importancia das hemerotecas dixitais no contexto das actuais sociedades da información".

Comentarios