O arco iris loce en Monterroso

O I Xantar Popular pola Visibilidade Rural reuniu este sábado en Monterroso a gais, lesbianas, transexuais e bisexuais chegados de toda Galicia. A xornada estivo marcada por un ambiente lúdico, aínda que tamén tivo tinguiduras reivindicativas centrados na defensa da presenza destes colectivos no medio rural.

Os participantes foron recibidos polo alcalde de Monterroso, o socialista Antonio Gato. Tamén asistiu a súa compañeira de partido Laura Seara, en calidade de secretaria de Igualdade do PSdeG.

Seara valorou o acto como unha plataforma para "defender o dereito de todas as persoas a vivir a súa vida en liberdade" e en contra "da discriminación por razóns de orientación sexual". Para a deputada do PSdeG, o obxectivo desta romaría é "visibilizar o feito homosexual nas zonas rurais" e, por iso, elixiuse Monterroso para a celebración. "Foi un dos lugares de onde detectamos máis persoas que estaban a sufrir as consecuencias da incomprensión da sociedade pola súa orientación sexual", sinalou. Por todo, agradeceu ao alcalde o seu "total apoio".

A parlamentaria socialista manifestou o seu desexo de que a chegada do PP á Xunta, "partido que mantén unha postura contraria a moitos dos dereitos conseguidos nos últimos anos", non supoña un "paso atrás. Estaremos vixiantes", advertiu. "As realidades de hoxe eran soños onte, pero hai que traballar día a día, para que os gobernos non esquezan que estoutro mundo existe", salientou Seara.

O coordinador do grupo de traballo de Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais (LGTB) do PSdeG, Fito Ferreiro, sinalou que a romaría é unha aposta pola "creación no rural galego dunha conciencia cidadá solidaria" que promova "un cambio de actitude" cara a este colectivo. Pediu "indiferenza e paciencia" ante as persoas que sempre se manifestaron contra os dereitos dos homosexuais e que queren crispar, violentar e provocar ás persoas que só piden igualdade".
 
Pola tarde, léronse poemas de Lorenzo Varela e actuaron o cantante Manu Clavijo e as drag queens ‘Afrodita' e ‘Candy'.

Comentarios