O cantante Enrique Iglesias está a rodar en Galicia un videoclip

O famoso cantante Enrique Iglesias atópase desde o luns en Galicia, a onde chegou procedente de Escocia, para participar na gravación dun videoclip que terá lugar no mosteiro de Carboeiro de Silleda e en distintos puntos de Santiago de Compostela, como a Cidade da Cultura e o Museo do Pobo Galego.

O fillo de Julio Iglesias e de Isabel Preysler, que este ano colleitou un gran éxito co tema Bailando, ten previsto actuar esta mesma semana en Barcelona (día 13) e Madrid (15). Tanto no Palau Sant Jordi catalán como no Palacio de Deportes madrileño presentará o seu último disco, Sex and Love.

Con raíces galegas, xa que o seu avó paterno, o doutor Iglesias Puga, era natural de Ourense, Enrique Iglesias quixo contar con Galicia para o seu novo traballo, do que pouco se sabe aínda que algúns apuntan a que terá un contido altamente sensual. Días pasados realizouse un casting en Santiago, no que mesmo chegaron a participar incluso varias actrices da comunidade.

A pasada fin de semana, Enrique Iglesias (Madrid, 1975) recibiu varios premios no transcurso dunha gala celebrada en Glasgow.

Comentarios