O Senado dá permiso para furar os canóns do Sil

A Comisión de Medio Ambiente, Agricultura e Pesca do Senado rexeitou este luns unha moción de Senadores Nacionalistas que instaba o Goberno a non conceder a Iberdrola permisos para executar aproveitamentos hidroeléctricos na zona de Santa Cristina, no Sil.

A iniciativa só contou co respaldo do senador proponente, José Manuel Pérez Bouza, que destacou o valor ambiental e paisaxístico da conca hidrográfica dos ríos Miño-Sil, que sofre unha "sobreexplotación", polo que "non é sostible" que se concedan máis permisos a empresas hidroeléctricas.

Na súa opinión, a obra provocaría un gran impacto nesta zona da Ribeira Sacra, xa que se removerían 1,5 millóns de metros cúbicos de terra e habería un gran tráfico de maquinaria pesada para bombear a auga a 800 metros. Referiuse á balsa de máis 37.000 hectáreas que se construiría, o que cambiaría o territorio e alteraría a canle do río.

Tras insistir en que non proporcionaría ningún beneficio ao territorio porque a electricidade exportaríase a Portugal, Pérez Bouza sinalou que a zona está dentro da Rede Natura, posúe unha paisaxe espectacular, está rodeada de viñedos e é un centro de atracción turística.

''Alarmas infundadas'', segundo os socialistas

O senador socialista Miguel Fidalgo dixo que non hai ningunha central nova nesta conca e tampouco hai pedida ningunha solicitude de modificación das concesións actuais. Insistiu en que a zona está protexida con figuras da UE e criticou "as alarmas infundadas" que se é están a facer nos pobos da zona.

Carmen Leyte, do PP, destacou a beleza dese territorio e agregou que as obras empezarían o ano próximo, aínda que precisou que aínda non contan co informe favorable.

"Temos a obrigación de salvagardar a Ribeira Sacra" argumentou a senadora, quen confiou en que o Ministerio non acepte un proxecto que afecte "en gran medida" á zona.

Josep María Batllé, da Entesa, mostrouse convencido de que se se conceden licenzas a novas obras farase con criterios de racionalidade e por interese público e non dubidou de que o Ministerio, se as acomete, estudará o impacto ambiental e axustarase á normativa.

Dar as costas á Ribeira Sacra
O senador nacionalista Pérez Bouza tamén acusou ao PP e ao PSOE de ''unha vez máis, darlle as costas á protección da Ribeira Sacra'', o que ''só pode ser posible polas presións que exercen as empresas eléctricas e pola falta de sensibilidade da ministra de Medio Ambiente''.

O senador tambéin denuncio a desidia que sobre a central de Santo Estevo mostrou a Confederación Hidográfica Miño-Sil. Ante tales actitudes contrapuxo a actuación da Fiscalía, que decidiu abrir un expediente tras as numerosas denuncias dos ecoloxistas, e da Comisión Europea, que tamén abrirá un expediente para ver se se vulnerou a normativa ambiental.

Comentarios