Facebook lánzase a competir con Zoom cun servizo de videochamadas

Cartel de Facebook.Efe
photo_camera Cartel de Facebook. EFE

Facebook lanzou este venres un novo servizo de teleconferencias, Messenger Rooms, que se une aos que xa ofrecía a empresa da rede social e que está pensado para competir coa auxe vivida por Zoom por mor das restricións á mobilidade pola pandemia de Covid-19.

Facebook asegurou que proximamente Messenger Rooms permitirá videochamadas de ata cincuenta persoas (as chamadas de Messenger --propiedade de Facebook-- na actualidade só permiten oito participantes), aínda que polo momento ese número é máis reducido e o límite é distinto para cada usuario.

Igual que no caso de Zoom, os usuarios de Messenger Rooms poden invitar a outros internautas a unirse ás videollamadas mediante un enlace que se pode compartir tanto polo móbil como polo computador, e non hai necesidade de descargar ningunha aplicación nin crearse unha conta. Pódese participar, xa que logo, sen ter conta de Facebook.

O novo servizo é gratuíto, non ten límite de duración para as videoconferencias e inclúe funcionalidades como realidade aumentada e filtros de imaxes e cores.

Zoom alcanzou 300 millóns de usuarios co repunte da actividade no confinamento

O anuncio de Facebook ten lugar dous días despois de que Zoom, que ata antes da crise sanitaria era unha aplicación menor e relativamente descoñecida, alcanzase os 300 millóns de usuarios a causa do gran incremento de actividade experimentado en marzo e abril.

O éxito e crecemento repentino de Zoom como consecuencia do aumento do teletraballo e as clases dixitais veu acompañado de multitude de queixas por fallos na seguridade das comunicacións e pouco respecto á privacidade dos usuarios.

Un dos problemas máis habituais que están a atopar os seus usuarios é que internautas que non foron invitados aparecen por sorpresa nas teleconferencias, un fenómeno bautizado como zoombombing e que fixo que institucións educativas, gobernos e empresas deixen de usar a plataforma e, no caso de Google, ata a prohibiron aos seus empregados.

Ademais de con Zoom, Messenger Rooms deberá competir con outras populares aplicacións de rivais como Microsoft (propietaria, entre outras, de Skype), Cisco, Google, Apple e Houseparty.

Comentarios