NESTES DÍAS CALOROSOS, as autoridades sanitarias advírtennos de que debemos protexernos do sol e evitar insolacións, así como previr as queimaduras solares, as picaduras das medusas e as dos mosquitos… Nada que non saibamos: o típico do verán.
¡BEBE! Outra cousa que non se cansan de repetir é que hai que hidratarse moi ben nesta época calorosa. E é verdade, a hidratación nestas datas é de suma importancia, así que antes de nada imos explicar co que non debes hidratarte… e iso é, precisamente, co que case todo o mundo se adoita hidratar: coas típicas bebidas isotónicas ou hidratantes que venden en todos os supermercados e que anuncian na tele (non fai falta dicir os nomes, todos as coñecemos). O principal problema destas bebidas é que teñen demasiado azucre, algo que está moi ben se imos correr media maratón, unha maratón completa, imos subir unha montaña moi alta ou facer unha carreira de trail, un rallye ou unha etapa ciclista digna da volta España…
Pero para o común dos mortais –o típico administrativo que está sete horas sentado e só hai unha hora de deporte ao día– , estas bebidas achegan demasiado azucre, algo que só vai traer dúas cousas (e ambas malas): caries e obesidade. Polo tanto, aquí imos propor outras bebidas hidratantes máis light. Bebidas caseiras que nós mesmos podemos elaborar.
O primeiro que tes que ter en conta é a necesidade de beber entre dous e 2,5 litros de auga pura ao día, así que se te paras a pensalo isto das latas xa non che vai saír moi rendible… O segundo, que un gazpacho caseiro natural feito con verduras da horta ou o máis naturais posibles é tamén moi hidratante, pero dado que leva tamén aceite de oliva –é dicir, unha graxa boa–, ímolo a considerar máis ben un alimento líquido, moi saudable e refrescante, que unha bebida.
¿QUÉ PODO PREPARAR EN CASA PARA HIDRATARME SEN ENGORDAR? Hai varias opcións, a máis fácil e sinxela é comprar auga de coco pura (sen azucre), moi refrescante e moi rica en potasio. Ademais, ten bo sabor e achega moi poucas calorías.
Outra opción é coller dous litros de auga pura e engadirlle o zume de dous limóns e un chisco de sal mariño (a metade, ou menos, dunha cuchariña de café moka), así como un chisco (unha cucharada de sobremesa pequeniña) de mel natural de abella e o zume de dous tomates (para achegar potasio, pois o sodio xa o achega o sal). Esta bebida é moi refrescante, non sabe demasiado salgada, é baixa en azucre (polo menos, moito máis baixa en azucre que as industriais que nos mostran desde os andeis dos supermercados) e achega vitamina C, antioxidantes e betacaroteno.
Para rematar: se tomas moito café ou moito té non te esquezas de beber máis auga, xa que estas dúas bebidas son diuréticas e, se abusas delas, poden favorecer a que te deshidrates antes.