A inxenuidade non é inocente

O santoral laico di que anda por aquí o Día da Danza. Non é necesario rezar, pero sería necesario ir ver

NA FINCA do Espiño hai unha poza. É natural, pero foi feita por mans humanas cando se adecentou ese espazo compostelán que noutro tempo foi demostración dunha burguesía con posibles. Agora vense no fondo da auga os tubos que demostran que tivo un pasado algo máis elegante, pero aínda que a ollos humanos a estética estea limitada, hai un grandísimo censo de ras que, en canto o inverno cede na súa pertinaz friaxe, fan rebumbio polas beiras e poñen en práctica a coreografía do susto cando algo se achega á auga. Se alguén ten paciencia suficiente e agarda, as ras volven nadar cara á beira e a facer ruído mentres toman o sol. As ras saben que é unha cuestión de oportunidade e as oportunidades para ese ecosistema que aparenta natural foron creadas.

A crise asustou a danza galega. Especialmente a contemporánea. Se repasamos os últimos dez anos da escena galega comprobaremos que a danza contemporánea deu un salto de calidade xusto antes de comezar a crise. Aínda que para un público distanciado a danza parecía proceder de ningures, como aquela ridícula teoría da xeración espontánea, arredor da danza galega houbo algunhas decisións institucionais que favoreceron o seu desenvolvemento. Non eran decisións desproporcionadas, aínda que algunha xerou ruidosas polémicas. Eran, máis ben, medidas de respaldo e visibilidade. A reconversión do Ballet Gallego Rey de Viana no Centro Coreográfico Galego foi a máis rechamante e a mesma que alporizou a quen non tiña pensado acudir a unha cousa nin á outra. Aparellado a este cambio apareceron medidas encamiñadas a deslindar administrativamente a danza das outras artes escénicas, a conseguir un territorio propio e dar algo de movemento a unha arte na que, como é evidente, Galicia tiña máis vontade que historia.

Para os urxidos os resultados foron algo escasos, os indiferentes non miraron para aí, pero o certo é que resultados si que houbo. Uns resultados que hoxe son moito máis perceptibles porque os tempos cambiaron a peor. A danza, como tantas cousas, foi abandonada á súa supervivencia. En contra do que parece, non é o discurso da resignación nin a lei do máis forte. A resignación tería sentido se non houbese nada que facer. A lei do máis forte tería sentido se no equilibrio de forzas non se estivesen utilizando determinados contrapesos. As artes escénicas padecen un empobrecemento do seu contorno artístico e económico. Non é casual nin inevitable. É unha decisión que sitúa a distribución dos recursos noutros espazos. A danza ten padecido máis que ningunha outra disciplina esa decisión. Aínda que a celebración do seu día poida dar a entender que non, que estamos superándonos.

Quero supoñer que se a crise axudou a mellorar algo foi no abandono da inxenuidade como medio de fuxir dos problemas. É unha inxenuidade pensar que sen respaldo das administracións, sen regulamentos favorables, un sector calquera pode superar os problemas causados pola situación. Industrias que parecen xigantescas, industrias que parecen un sector en si mesmo, reciben esa atención e unha canalización de recursos ao seu favor. En Galicia hai un caso moi claro co automóbil. Inxenuamente podería pensar calquera espectador que Citroën pode sobrevivir por si mesma a unha contrariedade económica. Descubriremos que non. Que o mundo é complicado e a economía, a pesar de ser un asunto de números, é moi sensible ás intencións. Moito máis que as coreógrafas. O que non se entende tan ben é por que non debemos aplicar a inxenuidade á industria pero podemos deixala ir tranquilamente sobre a cultura. Ser inxenuo selectivamente non é inxenuidade porque, nese caso, a inxenuidade non é inocente.

Quen crea, polo tanto, que a evolución artística non está seriamente influída polas circunstancias nas que se desenvolve a arte está facendo un exercicio de escapismo. A danza contemporánea en Galicia colleu corpo tentando entrar en diálogo con escenas moito máis avanzadas. Tentou ir en igualdade asumindo un certo grado de equiparación, unha aproximación nas linguaxes incluso por riba dunha investigación do que nos sería propio. Non hai que poñerse bravo con esta estratexia: é a mesma que empregaron a literatura, o cine ou o teatro galego. Por non falar da televisión.
‘Movemento’ é unha palabra que aínda levanta inquedanza en Galicia. Quizais por iso somos tímidos na súa utilización. A danza contemporánea galega ten un proceso pendente, un proceso que deixamos polo medio como se fose unha perda máis das urxencias da crise. Quedoulle pendente dar un paso adiante de determinadas retóricas brandas da contemporaneidade. De encontrar a contundencia da danza contra os tempos. A nós quedounos pendente darlle á danza unha contorna para medrar. Porque aínda que o exemplo sexa primavera, cando facemos as pozas, as ras nadan.

Comentarios