Critican a Ferreras polas palabras cara a Castro

Os termos "afiados" do director de 'Al rojo vivo' abren unha guerra entre La Sexta e TVE
Jenaro Castro y García Ferreras
photo_camera Jenaro Castro y García Ferreras

A Federación de Asociacións de Periodistas de España (Fape) fixo pública unha resolución da súa Comisión de Arbitraxe, Queixas e Deontoloxía do Xornalismo na que dá un 'tirón de orellas' a Antonio García Ferreras, director do programa 'Al rojo vivo' e da canle La Sexta, por utilizar unhas palabras "afiadas e ferintes" contra o programa de TVE 'Informe semanal' e o seu director, o lucense Jenaro Castro.

Jenaro Castro denunciara ante a comisión da Fape os "graves" cualificativos que Ferreras empregara cara á súa persoa. En concreto o director de 'Informe semanal' explicaba: "O pasado 6 de febreiro de 2017 Antonio García Ferreras" acusouno de "manipulador", "censor" e "comisario político", unhas palabras que o xornalista de TVE consideraba como "un ataque" contra a súa "profesionalidade e reputación".

Aínda que a Fape non atopa infracción deontolóxica nas opinións "vexatorias e desvalorativas" do directivo e presentador da Sexta nin o condena ao considerar que está amparado pola "liberdade de expresión", entende que a intervención lle resulte "molesta e ferinte" a Jenaro Castro. "A súa emisión parece exteriorizar o seu persoal menosprezo ou animosidade respecto do ofendido".

O motivo do enfrontamento Ferreras-Castro, que desatou unha batalla máis ou menos soterrada entre La Sexta e TVE, ten a súa orixe nunha reportaxe sobre a morte de Rita Barberá. O primeiro reprochoulle ao segundo que non se fixese alusión á enfermidade que sufría a exalcaldesa de Valencia, que tiña o fígado graso e padecía cirrosis.

Comentarios