A Xunta confía a R levar internet de alta velocidade a un millón de galegos en 2013

Dar acceso a redes de alta capacidade a un millón de galegos en 2013, 575.000 deles residentes en zonas rurais, é o obxectivo do plan de banda ancha da Xunta, cuxas actuacións principais desenvolve a empresa galega de telecomunicacións R.

"Queremos ser unha rexión de referencia no despregamento das redes do futuro", afirmou en declaracións aos xornalistas a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta, Mar Pereira, quen presentou xunto ao conselleiro delegado de R, Arturo Dopico, o balance do primeiro ano de funcionamento deste plan que, á súa conclusión, dará servizo ao 70 por cento da poboación galega.

En total está previsto que 193 núcleos de poboación teñan acceso a internet de alta capacidade, con poderían chegar ata os 600 megas nos próximos anos.

Actualmente, 176.000 habitantes -74 núcleos de poboación- teñen xa acceso a redes de 100 megas.

O obxectivo final do plan, que se atopa nun 38 por cento de execución, é que 575.000 habitantes de zonas rurais poidan acceder aos servizos de alta capacidade, de maneira que, sumados os usuarios das sete grandes cidades galegas, un millón de galegos teña á súa disposición estas redes.

Para iso, a administración autonómica achegou 28 millóns de euros -o 21 por cento- dos 129,6 millóns previstos no investimento total para o despregamento destas redes de nova xeración.

VÍA SATÉLITE
Doutra banda, a Xunta mantén un investimento doutros 15 millóns de euros para servizos de internet de ata 2 megas -principalmente vía satélite- que darían cobertura a outros 11.000 núcleos de poboación, de maneira que quedaría cuberto o 94 por cento da poboación galega.

O 4 por cento restante sería atendido mediante o uso de novas tecnolóxicas, cuxo desenvolvemento podería impulsarse o próximo mes de xuño coa repartición do novo espectro de frecuencias, para o que se postulou tamén R.

Comentarios