As aplicacións móbiles, principio do fin do SMS

O sms vive horas baixas. As aplicacións móbiles que permiten conversar sen custo adicional grazas ao 3G, ás que se acaban de sumar as propostas dos xigantes Facebook e Google, imponse como unha nova e potente forma de comunicación.

A tecnoloxía avanza a un ritmo vertixinoso convertendo en obsoleto hoxe o que onte era unha ferramenta imprescindible da vida cotiá. Pasou co "walkman", co CD e empeza a pasar coas mensaxes de texto dos móbiles.

A progresiva implantación da navegación móbil por internet (o 3G) e o auxe no desenvolvemento de centenares de aplicacións de mensaxería instantánea que permiten aos usuarios destas redes conectarse cos seus teléfonos sen ter que pagar cada vez que utilicen estes servizos están a ter un impacto negativo no sms. Segundo o informe anual da Comisión do Mercado das Telecomunicacións, os ingresos derivados do envío de sms baixaron case un 20 por cento en 2010.

O maior atractivo desas aplicacións é que, fronte ao pago asociado ao envío de cada mensaxe de texto tradicional, as comunicacións que ofrecen son gratuítas -ás veces hai que abonar unicamente unha cantidade pola súa descarga inicial- porque se transmiten a través da liña de datos do teléfono. Existen decenas de apps similares, pero a máis popular é Whatsapp, compatible cos sistemas operativos Android, iOS, Blackberry e Symbian.

Ademais de chatear cos contactos conectados a Whatsapp, pódense enviar imaxes, vídeos e arquivos de audio, publicar a localización na que se atopa o usuario e describir o seu estado. Comparten este espírito de mensaxería instantánea que vai máis aló das limitacións do texto do sms Group Me e Kik Messenger, e limitadas a un único sistema operativo Blackberry Messenger e iMessage. Ata as redes sociais queren fincarlle o dente a esta tentadora mazá.

Facebook lanzaba o pasado 9 de agosto unha aplicación que permite mandar mensaxes curtas de texto aos dispositivos móbiles de Apple e aqueles que funcionan co sistema operativo de Google (Android), o que supón a efectos prácticos unha extensión do seu chat cara aos teléfonos intelixentes. Introducindo o seu nome de usuario de Facebook, o usuario pode conversar tanto cos contactos da rede social como cos do teléfono móbil, xa sexa de forma individual ou en grupos, e tamén enviar imaxes e indicar a súa localización.

Comentarios