Liberada a xornalista sudanesa encarcerada por vestir pantalóns

Lubna Ahmed ao-Hussein, a xornalista sudanesa que fora encarcerada por vestir pantalóns en público, foi liberada este martes, despois de que a Unión de Xornalistas de Sudán pagase unha multa de 209 dólares -145 euros- que lle foi imposta, segundo informou o presidente deste colectivo.

Hussein fora encarcerada este luns logo de ser acusada de indecencia por levar pantalóns en público e negarse a pagar a multa ditada por un tribunal do seu país.

A condena rebaixouse dos corenta azoutes que inicialmente lle foron impostos ao pago dunha multa, por valor duns 145 euros, que a xornalista non quixo pagar.

''Non vou pagar a multa, prefiro ir ao cárcere'', asegurou Hussein, a pesar dos esforzos dos seus avogados e famliares por tratar de convencela de que abonase a sanción para non ter que ingresar en prisión.

Comentarios