Os 40 lategazos por levar pantalóns quedan nunha multa

Un tribunal de Jartum condenou á xornalista sudanesa xulgada por vestir pantalóns, Lubna Husein, ao pago dunha multa de 200 dólares e ordenou a súa posta en liberdade, segundo confirmou o avogado da reporteira. A muller foi arrestada en xullo pasado nun café da capital sudanesa por vestir pantalóns vaqueiros, peza considerada pola lei como "inmoral", polo que se enfrontaba a unha condena de 40 lategazos.

O avogado da reporteira, Nabil Adib, insistiu na inocencia da moza e rexeitou calquera tipo de castigo, polo que asegurou que vai apelar a sentenza. Lubna foi xulgada conforme á cláusula 152 dunha norma que estipula que "toda persoa que se comporte cunha conduta inmoral, ou se presente en público cun vestiario contrario á decencia será castigada con 40 lategazos e ao pago dunha multa".

Lubna traballaba na oficina de prensa da misión das Nacións Unidas en Jartum, pero decidiu renunciar ao seu emprego e á inmunidade que lle proporcionaba para enfrontarse á Xustiza do seu país e conseguir en último termo a derrogación desa lei.

A favor e en contra

Nas horas previas á celebración do xuízo, a policía detivo a polo menos 40 mulleres activistas que participaban nunha manifestación en apoio a Lubna. Os axentes de policía, dotados con material antidisturbios, disolveron a protesta na que participaban uns 150 manifestantes, na súa maioría mulleres que vestían pantalóns, para expresar o seu apoio á reporteira

Fronte a elas, decenas de homes tamén se congregaron diante do tribunal e corearon eslóganes relixiosos cos que condenaban a conduta de Lubna, cualificándoa de "prostituta" e pedindo o máximo castigo para ela.

Ambos os grupos de manifestantes enfrontáronse, polo que a policía tivo que intervir para frear os choques que se producían mentres no interior do tribunal se celebraba o xuízo.

Unha das activistas, a médica Amal Hasan, dixo que a Policía pegou aos manifestantes que exercían o seu "dereito constitucional" de protestar de xeito pacífico. Amal agregou que os policías suxeitaron violentamente a unha das manifestantes no chan antes de levala ao camión da Policía.

Disposta a recibir o castigo

A xornalista asegurara que estaba disposta a aceptar esa condena con tal de que o mundo saiba o que sucede en Jartum, a capital do seu país, explicou nunha entrevista publicada polo diario La Repubblica.

Labna Husein subliñou que no seu país, desde 1991, polo menos 20.000 mulleres foron arrestadas e condenadas a recibir lategazos polo seu modo de vestir. "Ningunha delas fala e ninguén o sabe", comentou a xornalista, que explicou que dimitiu do seu traballo na oficina de prensa da misión da ONU en Sudán, porque non tiña medo ao castigo e que estaba disposta a iso para que a xente coñeza a situación que se vive no país.

"Eu son musulmá pero non creo que sexa competencia dun tribunal xulgar como me relaciono co Islam. É unha relación privada. Non é responsabilidade do Goberno facer de xuíz. Quero que me mostren o verso do Corán no que o Profeta di que levar pantalóns é inmoral", agregou.

Con respecto ao momento do seu arresto declarou que "eu levaba uns pantalóns debaixo dunha ampla túnica e o veo. Arrestáronme xunto a outras mulleres (...) Cando intentei tranquilizalas un deles (axentes) colleu o meu teléfono móbil e golpeoume na cabeza", relatou. Así mesmo, manifestou que entendeu por que a detiveron só tras chegar á comisaría, onde descubriu que se consideraba que a súa vestimenta infrinxía o artigo 152 do Código Penal.

O artigo "prohibe levar vestidos indecentes", sinalou a xornalista, que explicou que se trata dunha lei de 1991 cando en Sudán foi introducida a lei islámica, pero que en realidade non especifica que tipo de vestimenta é a adecuada.

Comentarios