Os ecoloxistas cualifican como ''insuficiente'' o Plan de Aforro Enerxético do Executivo

O novo Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética aprobado polo Goberno é "insuficiente" e "non ten medidas estruturais para lograr un aforro efectivo", denunciaron este xoves as principais organizacións ecoloxistas con presenza en España.

Agrupacións como
WWF, Amigos de la Tierra, Ecologistas en Acción, SEO/BirdLife, Greenpeace, Ecología y Desarrollo, Asgeco y CECU criticaron nun comunicado a proposta do executivo e a ausencia de auditorías enerxéticas en instalacións industriais.

Tamén identifican como unha carencia a falta de medidas normativas que eviten o malgaste de enerxía en establecementos do sector servizos.

Os ecoloxistas apostan pola necesidade de crear un obxectivo "vinculante e absoluto" que permita a redución dun 20% do consumo enerxético para 2020, segundo indican no seu comunicado conxunto.

Estas organizacións, que xa presentaron alegacións ao plan, apostan por establecer unha serie de medidas fiscais que outorguen vantaxes a quen leve a cabo medidas de eficiencia e aforro enerxético e penalicen a aquelas empresas que non cumpren os obxectivos en materia de aforro enerxético.

O Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética 2011-2020, aprobado en Consello de Ministros a finais de xullo, forma parte da directiva europea que obriga aos Estados membros a elaborar unha estratexia de medidas que contribúan a alcanzar os obxectivos europeos de aforro do 9% en 2016 e de 20% en 2020

Comentarios