Os reis da tortilla española son galegos

Hai matrimonios aos que os une a súa afección polo cine, a música ou o deporte. No caso do de Alberto García Ponte e Lida María Vargas Torres, a súa paixón común é a tortilla de  Betanzos, que vén de ser proclamada en Alacante a mellor de España.

Detrás deste galardón, que tivo grande eco en todo o país, hai moito traballo e horas de investigación. Poderíase dicir que Alberto e Lida, colombiana para máis inri, forman o equipo perfecto do I+D da tortilla de patacas. Segundo nos contan, ela, que se meteu a cociñeira por botar unha man ao seu home no Mesón O Pote, que rexentan en Betanzos, é a que leva
a batuta, se ben o papel de Alberto tamén é clave. “O día do concurso eu batín os ovos”, afirma el divertido. Porén, Lida matiza que foi o ánimo que sempre lle deu o seu home o que a levou a pelexar por superarse día a día co prato máis típico da cociña española. “El sempre me dicía que a miña tortilla estaba boísima. Eu non podía valoralo porque non coñecía tanto o prato. Por iso isto é un éxito dos dous: eu fago as tortillas e el próbaas. ¡De feito xa gañou algo de peso!”, di entre risas.

Non é para menos, tendo en conta que a parella botou meses encerrada no laboratorio no que
converteron a súa cociña ata conseguir a raíña de todas as tortillas. “Desde que nos presentamos ao concurso en Betanzos empezamos a investigar como podiamos
mellorar”, explica Alberto, que di que na súa progresión foron claves os consellos do seu mestre de Hostalería e os dos “grandes mestres da tortilla de Betanzos”.

“Fomos afinando e o segundo ano xa gañamos aquí”. Igual fixeron no concurso nacional: tras
quedar sextos e terceiros, non pararon ata subir ao podio. “Non deixabamos de ler artigos
e consultar internet, facendo experimentos. No mesón sempre temos tortilla para os pinchos e
esa era a das probas”, confesa a cociñeira. No proceso de innovación ata chegaron a botar man dun termómetro “para controlar os graos que debía ter a sartén” ao botar os ovos e as patacas. Elas, de Xinzo de Limia, e eles, campeiros de Coren. Todo 100% galego, agás
a man da cociñeira.

Demostración:

Segue lendo: ''É un orgullo gañar sendo colombiana; así podo devolver parte do cariño que me deron aquí''

A ninguén deixou indiferente o feito de que unha colombiana gañara o XIII Concurso de Tortilla de Patacas de España, se ben xa era a segunda vez que unha compatriota de Lida, á que chamaron ata medios do seu país, se facía con este galardón. Así, Alberto lembra que en 2005 o gañara un restaurante de Pontevedra cuxa cociñeira tamén era de Colombia. A súa muller di que é para ela un orgullo, ademais “dunha forma de devolver parte do cariño que me deron aquí” en España, a onde chegou en 2000 para coidar uns nenos en Sada. Alí coñeceu a Alberto e namorouse. E dado que o seu marido era un apaixonado da tortilla de Betanzos, enrolouse con el na aventura de traer a este mundo o mellor dos exemplares. Perfeccionada xa a técnica, tal e como quedou confirmado en Alacante, a parella dinos que o segredo da súa tortilla radica “na calidade da materia prima e o coidado en cada paso”. Iso si, tras moito investigar o éxito total chegou ao descubrir que a clave estaba en xuntar o ovo e a pataca, tras fritila a 160 graos, nun bol cinco minutiños, o que fai unha precoción que permite “que o ovo agarre ben a pataca”. Logo bótase todo na sartén xa quente e ponse o lume ao mínimo “para que a temperatura non sexa agresiva cos ovos”. Ovos que baten cunha culler en lugar de co mesturador, de xeito que non collen aire e quedan máis cremosos. Así, volta e volta dúas veces e tortilla lista. Son xa moitos os que peregrinan a Betanzos para probala. Ata Feijóo e Rubalcaba preguntaron onde podían comela.

Comentarios