sábado. 23.01.2021 |
El tiempo
sábado. 23.01.2021
El tiempo

DIRECTORA DA UNIDADE DE NANOONCOLOXÍA DO IDIS DE SANTIAGO

"As mulleres non podemos ver penalizada a nosa carreira profesional por decidir ser nais"

María de la Fuente. CEDIDA
María de la Fuente. CEDIDA
Atende ao teléfono, rodeada das súas crianzas, nun intre entre reunións telemáticas laborais e pouco antes de participar na charla por streaming organizada polo Concello de Pontevedra dentro da Semana da Ciencia para visibilizar a situación da investigación no país

Investigadora e directora da Unidade de Nanooncoloxía no Idis de Santiago, que puxo en marcha co obxectivo de abordar novas ferramentas de terapia e diagnóstico, baseadas en nanotecnoloxía, para combater o cancro e a metástase, María de la Fuente Freire (As Pontes, 1978) é licenciada en Farmacia pola USC (2001), realizou a súa tese de doutoramento no departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da mesma institución e realizou estadías nas universidades de Valladolid e Kuopio (Finlandia). Sumado a que "a profesión está completamente precarizada", a situación das mulleres é aínda peor. Nos últimos anos, foi unha das impulsoras da campaña Ou científica ou nai, coa que reclamaron ás institucións que financian as convocatorias de investigación que solucionen os problemas que penalizan ás investigadoras que dispoñen de permisos de maternidade. Este luns participou na programación da Semana da Ciencia impulsada polo Concello de Pontevedra.

En 2018 converteuse nun referente nacional na loita pola igualdade de xénero na ciencia para evitar que as investigadoras embarazadas foran penalizadas na súa carreira profesional. Reuníronse case 300.000 sinaturas, pero conseguiuse o obxectivo que se perseguía?
Non. É dicir, conseguiuse algo moi importante que foi empezar a visibilizar a situación. Estaba súper normalizado que a ciencia é unha carreira de fondo, que se paras quedas atrás e que se es unha muller e paras es moi consecuente de que vas quedar atrás. Cando eu empecei a denunciar a Administración unha chea de xente que me dicía que había que traballar nas baixas. É un fito importante porque se empezou a falar do tema, moita xente mudou de opinión, mesmo a que ao principio o criticaba. Conseguiuse tamén que a xente nova que segue pasando por iso -hai agora un caso de cinco investigadoras en Galicia ás que lles está ocorrendo o mesmo- saiba que non pode ser. Nese sentido foi unha victoria moi importante. E a nivel nacional conseguiuse cambiar a situación nalgunhas convocatorias.

"Hai que rachar con condutas normalizadas en contra da igualdade de xénero e lexislar para que non haxa discriminación"

E en Galicia?
En Galicia aínda estamos esperando un cambio real. É unha forma de violencia contra as mulleres. A propia Administración estanos poñendo nunha situación de ter que elixir, no sentido de que ter fillos é un proceso natural. Non podemos poñer ás mulleres no compromiso de saber que se deciden formar unha familia van ver penalizada a súa carreira profesional.

Precisamente nas vésperas do 25N diría que esta precariedade laboral que se ceba nas mulleres é tamén un tipo de violencia de xénero?
Entendo que si. E coma min moita xente. Ao final o embarazo e a lactancia son roles femininos. Que por causa da maternidade e o que conleva, que non se respecte o embarazo ou a lactancia, que poñan ás mulleres na tesitura de ter que elixir é unha forma de violencia estrutural.

Máis alá da visibilización deste problema, que tería que mudar para acabar con esta situación?
Penso que ten que ser a nivel lexislativo. Cando foi a miña denuncia falei cos grupos parlamenterios, presentouse unha proposición non de lei instando ao Goberno central a mudar as convocatorias, e outra para mudar a lei de igualdade e incluir apartados específicos para lexislar isto, que non foi aprobada. Hai que establecer as bases a ese nivel e garantir a igualdade de oportunidades. Que non dependa de que a persoa que está xestionando as covocatorias teña unha perspectiva de xénero ou non ou sexa receptiva a incorporar cambios. Non pode depender do goberno de turno. Os cambios importantes teñen que acontecer a nivel lexislativo.

Esta demanda é xeralizada no eido científico ou hai compañeiros que non o ven como unha prioridade?
Cada vez máis, aínda que hai xente que non o ve como un problema real e que pensa que dando un punto extra por ser muller está resolto. Ademais, cando son convocatorias de concorrencia competitiva sempre hai quen pode sacar vantaxe. O principal é visibilizar para rachar con condutas normalizadas en contra da igualdade de xénero e lexislar para que non se sigan producindo situacións de discriminación.

Este mércores falará Olalla Vázquez
Olalla Vázquez (Pontevedra, 1981) será a seguinte convidada na Semana da Ciencia. Ela participará na charla do mércores (20.00 horas, por streaming en www.gciencia.gal e as súas canles de Youtube e Facebook). Esta investigadora lidera o seu laboratorio de Química Biolóxica na Universidade Phillips de Marburg.

"As mulleres non podemos ver penalizada a nosa carreira profesional...
comentarios