Melania recibirá unha "suma substancial" do blogueiro que demandou

Escribiu, sen probas, que foi dama de compañía nun artigo o pasado agosto. Os seus avogados non precisaron o monto a pagar
Melania Trump
photo_camera Melania Trump

O blogueiro Webster Tarpley pagará á primeira dama dos EEUU, Melania Trump, "unha suma substancial" por escribir, sen probas, que foi "escort" (dama de compañía) nun artigo o pasado agosto.

Ese é o acordo xudicial alcanzado polas partes despois de que a exmodelo denunciase ao blogueiro por difamación, segundo un comunicado publicado polos avogados de Trump, que non precisaron o monto a pagar.

Tarpley escribiu en agosto pasado un artigo no seu blog no que se facía eco de rumores, sen probas, sobre que Melania Trump traballara como moza de compañía na década de 1990.

"Publiquei un artigo o 2 de agosto de 2016 sobre Melania Trump que estaba repleto de afirmacións falsas e difamatorias sobre ela", admite Tarpley nun comunicado divulgado polos avogados da primeira dama.

"Non tiña unha base de feitos lexítima para facer esas afirmacións falsas e retráctome delas. Son consciente de que foron moi daniños e ferintes para a señora Trump e a súa familia, e por conseguinte pídolle perdón a ela, ao seu fillo, ao seu marido e aos seus pais por facer estas afirmacións falsas", engade.

Melania Trump puxo en setembro unha demanda contra o blogueiro e outra contra o tabloide británico The Daily Mail por publicar acusacións similares de que traballou como moza de compañía.

Precisamente hoxe sóubose que a primeira dama reclama 150 millóns de dólares (141 millóns de euros) ao tabloide co argumento de que o seu artigo fixo que a súa "marca perda un valor significativo".

Os avogados calculan que a primeira dama perdeu "millóns de dólares" en oportunidades de negocio debido ao dano que causou o diario á súa imaxe.

A primeira dama chegou a Estados Unidos na década de 1990 para traballar como modelo e en 2005 casou co magnate inmobiliario en Palm Beach (Florida).

Comentarios