Miki representará a España en Eurovisión con 'La venda'

A galega Sabela Ramil quedou en noveno lugar

Miki, durante su actuación. TVE
photo_camera Miki, durante a súa actuación. TVE

O concursante de Operación Triunfo 2018 Miki representará a España no Festival de Eurovisión 2019, que se celebrará o próximo 18 de maio en Israel, coa canción La venda. O tema, composto por Adriá Salas, foi seleccionado polo público este domingo, durante unha gala especial retransmitida pola 1 de TVE e presentada por Roberto Leal. 

A galega Sabela Ramil, residente nas Pontes e con raíces na Mariña lucense, tivo que conformarse co noveno posto. Interpretou o tema Hoy soñaré, unha balada con toques celtas que só conseguiu o 2% dos apoios.

A canción interpretada por Miki obtivo un 34 por cento dos votos do público e impúxose a Muérdeme, a gran favorita, defendida por María Villar, que quedou en segunda posición cun 22 por cento dos votos. 

Tamén optaban a representar a España en Eurovisión: No puedo más, interpretada por Famous; Hoy soñaré, cantada por Sabela; Nadie se salva, interpretada por Natalia e Miki; Que quieres que haga, defendida por Julia; Se te nota, interpretada por Carlos Right; e Todo bien, cantada por Marilia. 

Durante a gala, valoraron as cancións o director artístico de Universal Music, Manuel Martos, a cantante Pastora Soler, o locutor de radio Toni Aguilar e o compositor de Toy, a canción gañadora no Festival de Eurovisión 2018. 

O ano pasado, España quedou no posto 23 en Lisboa co tema Tu canción, interpretado por Amaia e Alfred. Nesta ocasión, o festival celebrarase en Israel o próximo 18 de maio. 
 

Comentarios