Morre Sulli, estrela do k-pop, aos 25 anos 

A artista abandonara a súa carreira musical en 2015, ao atoparse "esgotada física e mentalmente polos comentarios negativos e falsos rumores"
La cantante coreana Sulli.EFE
photo_camera A cantante coreana Sulli.EFE

A estrela do k-pop Sulli foi atopada morta no seu apartamento aos 25 anos, segundo informa a axencia de noticias coreana Yonhap e confirma SM Entertainment.

O propio mánager da artista foi quen atopou o cadáver ao achegarse ata a súa casa, en Sujeong-gu (Corea do Sur), preocupado por non poder contactar con ela.

A cantante, cuxo nome real é Choi Jin-ri, suspendeu a súa carreira musical en 2014 logo de recibir mensaxes de acoso por internet. Sulli volveu actuar o ano seguinte, pero terminou deixando o grupo f(x) en 2015.

Con tan só once anos, Sulli fíxose popular en 2005 como actriz. Na música debutou como integrante da banda de rapazas f(x) en 2009 co single La cha ta.

Despois chegaron éxitos como Pinocchio (Danger), Electric Shock ou Hot Summer, antes de que se tomase un descanso da industria do entretemento en 2014 por estar "esgotada física e mentalmente polos comentarios negativos e falsos rumores" sobre ela.

Segundo Koreaboo, a policía está agora verificando se Sulli deixou unha nota de suicidio e tamén investigará os detalles exactos do incidente. 

Comentarios