Mötley Crüe anuncia o seu regreso aos escenarios

Será nunha xira por Estados Unidos na que estarán acompañados por Poison e Def Leppard
Mötley Crüe. INSTAGRAM (@motleycrue)
photo_camera Mötley Crüe. INSTAGRAM (@motleycrue)

A banda estadounidense de rock Mötley Crüe anuncia que volverá aos escenarios o próximo ano como parte dunha xira xunto a outros veteranos do hard rock, como Poison e Def Leppard.

Polo momento non se deron a coñecer grandes detalles acerca desta nova xira de Mötley Crüe, pero o medio especializado Rolling Stone asegurou que Poison e Def Leppard formarán parte destes concertos, que se desenvolverán en grandes estadios de Estados Unidos.

Coñecida por camiñar sempre polo lado máis salvaxe e polémico do rock e da vida, a banda anunciou este luns o seu regreso ao máis puro estilo Mötley Crüe.

En 2015, cando fixeron unha xira de despedida, os membros de Mötley Crüe aseguraron asinar un contrato que supostamente lles impedía legalmente volver actuar en directo como grupo.

Así que para anunciar hoxe a súa reunión e volta como banda, Mötley Crüe publicou un vídeo na súa páxina web no que ese presunto contrato salta polo aire no medio dunha gran explosión.
"Unha nova xeración de crüeheads (os fans do grupo) están a reclamar sen descanso que a banda se reúna de novo", asegurou Mötley Crüe hoxe nun comunicado baixo o título "¡Mötley Crüe está de volta!".

Esta nota de prensa sinalou que a película da plataforma dixital Netflix The Dirt, estreada este ano e baseada na autobiografía do grupo The Dirt: Confessions of the World's Most Notorious Rock Band, fixo rexurdir a paixón e o amor dos fans do rock por Mötley Crüe.

Tommy Le, Vince Neil, Mick Mars e Nikki Sixx, os catro membros orixinais de Mötley Crüe, formarán parte da reunión desta banda californiana que ascendeu todo o máis alto do rock nos anos 80 con discos como Dr. Feelgood (1989).

Mötley Crüe foron tan coñecidos polos seus éxitos no rock como polos seus habituais escándalos coa lei, as drogas ou o sexo.

O último disco de estudo de Mötley Crüe é Saints of  Los Angeles, publicado en 2008. 

Comentarios