Multas de entre 200 e 1.000 euros polo mal uso do patinete eléctrico

A DXT regula os vehículos de mobilidade persoal e establece as sancións correspondentes a cada infracción
Patinetes eléctricos. PIXABAY
photo_camera Patinetes eléctricos. PIXABAY

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) fixo pública unha nova instrución co obxectivo de clarificar a usuarios, concellos e policías locais a normativa relativa aos chamados vehículos de mobilidade persoal (VPM), que inclúe patinetes eléctricos, á espera de que publique a regulación formal que actualmente está en fase de tramitación. 

Así, o usuario deste medio de transporte (dunha ou máis rodas dotado dunha única praza e propulsado por motor eléctrico) cuxa velocidade sexa superior aos 6 quilómetros por hora pero non exceda os 25, podería ser sancionado con multas entre 500 e 1.000 euros por conducir baixo os efectos do alcol ou de 200 euros por utilizar o teléfono móbil. 

Os condutores dos VPM teñen ademais a obrigación de someterse a probas de alcol e drogas e, en caso de negarse, serán denunciados como infracción administrativa. Se, ademais, o condutor dá positivo en drogas podería inmobilizarse o vehículo.

Conducir de noite sen luces nin pezas reflectoras castigarase con 200 euros de multa

 Igualmente, está prohibido facer uso do móbil ou de calquera outro sistema de comunicación e conducir utilizando casos ou auriculares. En caso de ser detectados sancionaráselles con 200 euros. 

En canto ao uso do casco, a falta dunha regulación no Regulamento Xeral de Circulación, o uso destes elementos rexerase pola ordenanza municipal de cada cidade. Se esta prevé o uso obrigatorio, o usuario podería ser sancionado con 200 euros. 

Así mesmo, os VPM teñen prohibido desprazarse por beirarrúas e zonas peonís e só poderán ser utilizados por unha persoa. En caso de máis ocupantes, a sanción sería de 100 euros. 

Considerarase condución neglixente e xa que logo punible cando se realice pola noite sen iluminación nin pezas ou elementos reflectores. A sanción correspondente é de 200 euros. 

Está prohibido utilizar o móbil mentres conduces un VPM ou levar auriculares

As ordenanzas municipais son as que establecen as prohibicións relativas ás paradas e estacionamentos destes vehículos. Desde a DXT, avógase para que "a beirarrúa sexa do peón", pero a súa regulación é exclusivamente municipal. 

Nos casos de infraccións cometidas por menores de 18 anos, os pais, titores, acolledores e guardadores legais ou de feito, responderán solidariamente da infracción cometida polo menor.

REGULACIÓN EN FASE DE TRAMITACIÓN. A regulación formal dos VPM atópase actualmente en fase de tramitación, polo que a instrución adiante a definición prevista para estes vehículos na modificación do Regulamento Xeral de Vehículos que está actualmente en trámites, segundo informou a DXT. O obxectivo da medida é "contribuír á transparencia" á espera de que aprobe a regulación formal. 

"Era unha petición que nos realizaron policías se tráfico, ante as situacións que se están presentando en moitas cidades e que inciden negativamente na seguridade viaria, en especial cando afecta os colectivos vulnerables", indicou Javier Villalba, subdirector de Normativa da DXT

Villalba recordou que a DXT nunha en instruccion de 2016, xa consideraba que os os VPM tiñan "unha consideración de vehículos e en consecuencia o usuario é un condutor", por iso interpreta que "se hai comportamentos indebidos son obxectos de denuncia".  Segundo indicou, esta instruccion serve para "dar criterios", pero cada concello aplicáseo dun modo ou outro en función das súas ordenanzas municipais. 

Comentarios