Mundonen@s chega este domingo á súa fin

O numeroso público asistente ao primeiro Salón das Familias abarrotou as instalacións do Recinto Feiral ao longo destes tres días. Centos de nenos gozaron das máis de 40 actividades lúdicas e participativas que acolle o evento

O Recinto Feiral da cidade clausura este domingo a primeira edición de 'Mundonen@s, Salón das Familias', a única feira de Galicia dirixida ás familias con fillos de entre 0 e 16 anos. Desde o venres, os máis pequenos puideron gozar dunha variada programación de actividades lúdicas e didácticas que, xunto aos máis de 30 expositores compostos por entidades e empresas provenientes de distintos concellos da comarca, permitiron aos asistentes gozar en familia.

O entretemento e a diversión garanten o éxito da cita. O numeroso público que se achegou ao longo destes días abarrotou o recinto situado na Xunqueira. Aqueles que aínda non visitaron este certame, organizado por Diario de Pontevedra e o Concello, aínda poden vivir este domingo a experiencia inesquecible que ofrecen os talleres e actuacións para os máis pequenos.

En máis de 1.500 metros de exposición danse a coñecer escolas infantís e colexios, academias de idiomas, actividades extraescolares, campamentos, deportes ou seguros, entre outros.

PROGRAMA. Mundonen@s chega á súa fin este domingo cunha variada programación que acollerá o Recinto Feiral en horario continuado de 11.00 a 20.30 horas. Haberá animación infantil, inchables e actividades como contacontos, talleres didácticos, xogos tradicionais, exhibicións deportivas, baile e música, entre outras moitas, que permitirán gozar en familia dunha experiencia lúdica e participativa. A entrada ao evento ten un custo de 1 euro por persoa.

A xornada de despedida desta primeira edición contará ao longo do día con actividades 'non stop', entre as que destacan as realizadas por Cegeme e La Artesa, que ensinarán a cociñar doces aos máis pequenos.

Ademais, As Fedellas realizará o seu show de contacontos A Bolboreta Roseta, ás 12.00 horas. Xa pola tarde, ás 16.00 horas, este colectivo relatará O Misterio dos calcetíns.

O deporte tamén ten un lugar na feira. Durante a tarde haberá exhibicións deportivas do club de kickboxing ABP, de loita por parte do Club Loita Pontevedra, e un taller de rugby que levará a cabo o Rugby Club de Pontevedra.

Para máis información sobre a programación do evento están dispoñibles a páxina web www.mundonenos.es e o perfil de Facebook 'Mundonen@s'.

Comentarios