O museo de Estrela Galicia resulta finalista do Premio Museo Europeo do Ano

O galardón resolverase previsiblemente na primavera, cando os centros seleccionados defenderán os seus proxectos ante un xurado
MEGA, Mundo Estrella Galicia. EP
photo_camera MEGA, Mundo Estrella Galicia. EP

O museo da cervexa de Estrella Galicia (MEGA) é un dos finalistas do Premio ao Museo Europeo do Ano na súa edición 2021, outorgado polo European Museum Forum, que promove a innovación e as boas prácticas no sector museístico.

O carácter innovador ou a calidade da experiencia son as claves que sustentan este galardón que leva máis de 40 anos recoñecendo o labor de proxectos expositivos por toda Europa.

O premio recaeu en catro ocasións nun museo español, por exemplo o Guggenheim de Bilbao que obtivo o galardón no ano 2000, informa a entidade de Fillos de Rivera.

A gala final celebrarase previsiblemente na primavera, momento no que os candidatos defenderán os seus proxectos ante o xurado, que valorará a súa capacidade de adaptación ao covid garantindo a seguridade e calidade da experiencia, a filosofía e xestión do museo ou a súa integración na comunidade local.

O nomeamento supón xa un importante respaldo ao traballo realizado por MEGA desde a súa apertura en xuño de 2019 na Coruña.

Desde a súa inauguración hai ano e medio, MEGA destacou pola súa vocación 100% experiencial que permite ao visitante participar do percorrido cervexeiro e polo seu carácter divulgativo real, co valor engadido diferencial de atoparse no medio da actividade diaria dunha fábrica de cervexa.

Comentarios