Nace Mundonen@s, unha feira para toda a familia

O Recinto Feiral de Pontevedra acollerá esta fin de semana o salón dedicado ao goce dos máis pequenos
El salón acogerá una amplia programación infantil con hinchables y talleres entre otras actividades
photo_camera El salón acogerá una amplia programación infantil con hinchables y talleres entre otras actividades

Esta fin de semana celebrarase en Pontevedra a única feira de Galicia dirixida ás familias con fillos de entre 0 e 16 anos. Mundonen@s, un salón pensado para compartir e gozar cos máis pequenos.

O Recinto Feiral da cidade é o lugar escollido para albergar este evento organizado por Diario de Pontevedra e o Concello de Pontevedra, que pretende marcar un precedente na comunidade reunindo nun mesmo lugar todas as solucións en materia educativa, lúdica e de seguridade que as familias necesitan.

Os visitantes poderán coñecer en máis de 30 expositores, compostos por entidades e empresas provenientes de distintos concellos da comarca, toda a información sobre produtos e servizos innovadores en máis de 1.500 metros de exposición. Haberá casetas sobre escolas infantís e colexios, academias de idiomas, actividades extraescolares, campamentos, deportes ou seguros, entre outros.

Mundonen@s terá lugar o vindeiro venres, 11 de marzo, en horario de 16.00 a 21.00 horas, e o sábado e domingo, 12 e 13 de marzo, en horario de 11.00 a 20.30 horas. A entrada ao evento terá un custo de 1 euro por persoa.

Ademais das casetas, a feira acollerá unha variada programación lúdica e festiva na que os máis pequenos serán os protagonistas. Haberá animación infantil, inchables e actividades como contacontos, talleres didácticos, xogos tradicionais, exhibicións deportivas, baile e música, entre outras moitas, que permitirán gozar en familia dunha experiencia lúdica e participativa durante toda a fin de semana.

PROGRAMA. Mundonen@s dará comezo o venres ás 16.00 horas coa celebración, ao longo de toda a tarde, de diversos talleres de manualidades e deportivos como a sesión de ioga a cargo de Geoda ou as exhibicións que realizarán o club de ximnasia rítmica Saraiba ou o Club ABP de kick boxing.

Aínda que o gran día será o sábado, cando, ademais dos numerosos xogos e actividades que se levarán a cabo durante todo o día, ás 19.30 horas, terá lugar unha gran festa infantil musical na que pequenos e maiores compartirán momentos de diversión e baile.

O domingo será a xornada de despedida deste primeiro salón para as familias, polo que, do mesmo xeito que o sábado, durante todo o día a programación permitirá a todos os visitantes gozar dun magnífico e exitoso día familiar.

Pensando no goce dos nenos, a organización do evento porá a disposición do público asistente un restaurante autoservicio situado no interior do Recinto Feiral. O prezo do menú será de 10 euros se vai acompañado da entrada de Mundonenos.

A cidade do Lérez convértese así nun referente a nivel galego coa celebración desta feira que nace co obxectivo de dar resposta a un sector tan importante como é o da educación dos máis pequenos.

‘'Mundonen@s, salón das familias’' pretende reunir nun mesmo espazo todas as solucións para as familias, dando resposta a pais, nais e fillos sobre a información e planificación en materia de formación (colexios, idiomas...), campamentos, fogar e moito máis. Para máis información sobre a programación están dispoñibles a páxina web www.mundonenos.es e o perfil de Facebook ‘'Mundonen@s'’.

Comentarios