O calendario Pirelli 2017, unha visión emocional e "real" da beleza feminina

Nicole Kidman, Kate Winslet, Penélope Cruz, Julianne Moore e outras dez actrices posaron para o fotógrafo Peter Lindbergh

O calendario Pirelli de 2017, asinado polo prestixioso fotógrafo de moda Peter Lindbergh, foxe dos espidos e ofrece unha visión única e diferente da beleza feminina. A intención do autor era crear un almanaque que non se centrase en corpos perfectos, senón emocional "sobre a sensibilidade e espindo a alma", para o que recorreu ao talento das actrices Nicole Kidman, Helen Mirren, Uma Thurman, Kate Winslet, Penélope Cruz, Julianne Moore, Jessica Chastain, Alicia Vikander, Léa Seydoux, Robin Wright, Lupita Nyong'o, Rooney Mara, Zhang Ziyi e Charlotte Rampling, así como a unha profesora de Políticas da Universidade de Moscova, Anastasia Ignatova.

"Nunha época na que se representa ás mulleres como embaixadoras da beleza e a perfección, pensei que era importante recordar que existe unha beleza diferente, máis real e auténtica, non manipulada pola publicidade nin por nada", explicou quen hai anos foi un dos artífices da creación das supermodelos. O exclusivo The Cal 2017, presentado este martes en París, é polo tanto unha "alegación contra o ideal de beleza de hoxe".

Comentarios