Olaxonmario destaca nos premios Youtubeiras con dous galardóns

Elixido mellor 'youtubeiro' na edición de 2021 
 
Olaxonmario. EP
photo_camera Olaxonmario. EP

Olaxonmario foi recoñecido como mellor 'youtubeiro' na quinta edición destes galardóns, cuxa gala se celebrou este venres en Ames presentada por Tanxugueiras. Así, Olaxonmario levou dous do cinco premios dos V Premios Youtubeiras aos que aspiraba, pois tamén gañou o da categoría de Vídeo. 

Os premios, organizados polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo; das universidades da Coruña, Santiago e Vigo, e da Deputación da Coruña, concederon a Olaxonmario, dous dos cinco galardóns aos que aspiraba: Youtubeira e Vídeo.

Do seu vídeo galardoado, Por que é que non entendo o Portugués? Co Portuguese With Leo, sinalouse que se trataba dun "dos vídeos en galego non musicais que está a ter maior repercusión dende o seu lanzamento en Youtube".

Na categoría de Canle, a gañadora foi O Son das Ideas. "O seu contido triunfa por todos os recursos que emprega nos vídeos, pola súa facilidade de explicar temas complexos e a súa creatividade plasmada a través das animacións", apuntou o xurado.

O premio á Calidade Lingüística recoñeceu neste 2021 a Neeumatiko, de quen o xurado puxo en valor o seu "dominio formal tanto na dimensión gramatical coma léxica e fonética".

Pola súa banda, Toxío recolleu o galardón no apartado de Calidade Técnica polo seu uso dos recursos.

Comentarios