Pacientes obesos con fígado graso teñen máis risco de sufrir a covid-19

O 80% dos pacientes con forma grave de infección por coronavirus teñen obesidade e unha porcentaxe considerable presenta algún tipo de fallo hepático
Persona con obesidad. ADP
photo_camera Persoa con obesidade. ADP

Os pacientes con obesidade e fígado graso con inflamación teñen un maior risco de sufrir a enfermidade covid-19 por presentar a súa doenza unhas características que favorecen a entrada do virus, segundo un estudo divulgado na revista científica Journal of Hepatology. Os investigadores constataron que datos recentes da Sociedade Española de Obesidade apuntan a que o 80% dos pacientes con forma grave de infección por coronavirus teñen obesidade e dentro do amplo espectro de síntomas, un porcentaxe considerable presenta algún tipo de fallo hepático.

A enfermidade esteatohepatitis non alcohólica ou fígado graso caracterízase por inflamación e fibrosis hepática, está asociada á obesidade e afecta a 1.900 millóns de persoas no mundo. O estudo evidencia a maior vulnerabilidade das persoas con esta doenza en caso de infectarse de coronavirus.

Galicia
Sanidade quere manter durante catorce días a limitación de reunións a cinco persoas

Nos pacientes con obesidade e esteatohepatitis non alcohólica, identifícase unha expresión máis elevada de ACE2, o receptor celular do virus, e de Tmprss2, unha molécula que facilita a unión das membranas do virus e a célula. Os investigadores participantes na análise concluíron, por iso, que "estes pacientes presentan unha maquinaria de entrada do virus moi eficaz, aumentando a súa vulnerabilidade en caso de infección".

No mesmo estudo identificouse que esta maquinaria de entrada do virus non está elevada en pacientes con obesidade e esteatosis (un estadio máis leve que a esteatohepatitis) nin en pacientes con obesidade e diabetes tipo 2, enfermidades que tamén están moi ligadas.

O estudo foi liderado polo laboratorio de Molecular Metabolism de Ruben Nogueiras, investigador do Centro Singular de Investigación en Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago de Compostela e o de Liver Disease de Malu Martínez Chantar do laboratorio CIC Biogune e Ciber de Enfermidades Hepáticas e Dixestivas.

Comentarios