Porteiro: "Hai opinións de moito peso no feminismo que non se escoitan"

Acaba de publicar o libro #taméneu, escolma de artigos sobre o que denomina a revolución feminista. Deixa nel o rastro do seu pensamento e faino a través dun xénero que considera moi masculinizado, debido a que "a opinión é un espazo de poder". É importante, subliña, falar da situación das mulleres e da evolución de dereitos e conquistas.
María Xosé Porteiro. PEPE FERRÍN
photo_camera María Xosé Porteiro. PEPE FERRÍN

MARÍA XOSÉ PORTEIRO é unha das caras máis coñecidas do feminismo galego. A activista iniciouse no xornalismo e a súa traxectoria incluiu tamén a actividade política e institucional. Foi desde a concelleira que creou en Vigo a primeira casa de acollida para mulleres maltratadas a deputada ou adxunta da Valedora do Pobo. Foron distintas paradas nunha carreira na que o feminismo sempre estivo presente.

As estatísticas reflicten que os adolescentes trivializan problemas como a violencia de xénero. Apunta iso a un proceso de regresión nos avances sociais e do feminismo?
Non penso que iso sexa exactamente así. A adolescencia é unha etapa na vida das persoas que implica o paso á madurez e nese proceso acontecen moitas cousas que mudan en función do que se vai aprendendo e vivindo. Non hai un prototipo de "ideoloxía" por seren adolescentes. O que si vexo é que as teorías negacionistas tamén chegaron á xente máis nova. O contrario sería raro, mais repito que non o vexo como algo estable nin definitivo para as persoas que agora pensan así. A vida dá moitas voltas.

Non vexo na opinión dos adolescentes un retroceso. A adolescencia é unha etapa e a vida dá moitas voltas

En fenómenos como o que en Estados Unidos estase a chamar a gran dimisión constátase que son moitas as mulleres que deixan os seus empregos. En teoría porque non lles sae rendible traballar para ao final deixar os fillos ao coidado doutros. Pero iso non é renunciar á propia vida?
Non debemos xulgar comportamentos que van máis alá da vontade. Evidentemente hai unha situación forzosa que pode levar a tomar esa decisión. Se hai unha parella, o coidado das criaturas debe compartirse. En todo caso, as fillas e os fillos non están 24 horas ao coidado doutras persoas. O normal sería dispoñer de mecanismos públicos e asequibles para compaxinar –conciliar– a vida privada coa vida profesional. En sociedades con poucos recursos sociais públicos, esta situación fala dunha carencia do sistema, non dunha acción volitiva.

María Xosé Porteiro. PEPE FERRÍNTéñense construído servizos sociais á medida do que necesita a liberdade das mulleres?
Démoslle a volta á pregunta: construíronse servizos sociais á medida do que precisa a liberdade dos homes? Se esta pregunta non entra dentro dos parámetros da lóxica habitual é que a desigualdade e a inxustiza caen –neste asunto, desde logo– do lado das mulleres. Isto é o que hai que cambiar.

E volvendo ao traballo, cada vez hai máis sectores laborais con forte presenza de mulleres. Pero a feminización tende a ir acompañada de baixadas nos niveis retributivos deses sectores que van alcanzando as mulleres. Como se explica?
Moi doadamente. Vivimos nun sistema que, tradicionalmente. se sostivo cun reparto de roles ou, o que é o mesmo, un reparto do traballo, onde as mulleres traballaban sen cobrar atendendo aos coidados e á familia, onde casar era o seu destino "natural" e onde estudar non estaba nas prioridades das familias para as fillas como si o podía estar para os fillos. Un dos avances sociais máis notables da segunda metade do século XX, e do actual, é a incorporación das mulleres a un mercado laboral que non medrou na mesma medida. Daquela, hai que compartir o espazo do traballo cos homes e iso redunda nunha baixa retributiva. Agás na función pública, onde hai igualdade no acceso, no resto das actividades laborais hai máis oferta de man de obra e a vía de incorporación das mulleres está penalizada por un sistema afeito a ter homes en certas actividades.

Os últimos proxectos legais víronse tenguidos de polémica en cuestións como as leis de xénero, que hai colectivos feministas que rechazan porque entenden que se volven supeditar outros intereses aos das mulleres. Cal é a súa percepción?
Este debate non se dá só en España e atopa respostas diversas segundo cada sociedade. Se cadra, aquí chegamos serodiamente a loitas que levaban moitos anos de avance en países con maior tradición democrática e estamos aínda consolidando lexislacións que foron moi revolucionarias se as valoramos con perspectiva histórica. Non me parece mal que haxa debate. Si creo, porén, que hai opinións de moito peso dentro do feminismo que non están sendo escoitadas e/ou consultadas, como si se fixese con outras leis como a propia contra a violencia de xénero, ou a de igualdade, nos anos 2004 e 2007. Asuntos como estes funcionarán se hai consenso.

Estamos a vivir un fenómeno de globalización das mobilizacións que é moi salientable

Fálase de novas ondas de feminismo, pero ata que punto se avanza realmente?
As chamadas "vagas" ou "ondas" do feminismo son clasificacións cronolóxicas. Non se calculan por avances, senón por momentos históricos sucesivos nos que vai mudando a axenda feminista. Nesta que estamos a vivir, que se considera a cuarta, é moi salientable o fenómeno da globalización das mobilizacións e a expansión a lugares menos desenvolvidos. Anteriormente, Europa e América lideraban os estudios feministas e os cambios sociais nos que operaba o feminismo. Hoxendía, Centro e Sudamérica están moi á vangarda, e cada vez hai máis nomes de filósofas, estudiosas ou activistas en países como India ou o continente africano. Coñezo menos a realidade chinesa ou rusa.

"Os grandes temas do xornalismo, como a política, adoitan estar ocupados por varóns"

¿Por que hai menos mulleres columnistas nos medios?
Porque a opinión é un espacio de poder, ou por dicilo doutro xeito, de autoridade. Non é o mesmo asinar unha noticia co xenérico "redacción" que poñer un nome propio que adoita aparecer nunha sección destacada dos medios. Segundo a asociación de Mulleres Xornalistas, a media en Galicia sitúase entre o 10 e o 15%, moi semellante á española. A cousa se agrava se analizamos outros países. En México, un recente informe do grupo Opìnión 21, creado por 80 colegas xornalistas, fala de que "hai 500 homes escribindo opinión e 50 mulleres, e moitas nin siquera cobramos por escribir".

¿Hai sesgos de temas que tratan de forma diferenciada homes e mulleres?
Os grandes temas: política, economía, adoitan estar ocupados por varóns. Ten a ver con que a eclosión de mulleres no xornalismo é moi posterior á dos homes que foron –como case en todas as áreas dos traballos no ámbito público– quen se dedicaron a esta actividade desde o nacemento dos medios. No noso país a incorporación masiva das mulleres ás facultades de xornalismo é un fenómeno que situamos dúas ou tres décadas atrás. Iso non significa que non houbese pioneiras como Sofía Casanova.

Comentarios