A provincia brilla na Gala do Turismo

Nunha vangardista cerimonia que rendeu homenaxe a 136 empresas distinguidas co selo SICTED e se nomeou embaixadores aos chefs con Estrela Michelín, Carmela Silva reivindicou ao sector turístico como fundamental e asegurou que a Deputación seguirá a traballar "man con man" con el para que "moi pronto volvan os bos momentos"
photo_camera Carmela Silva cos chefs con Estrela Michelin da provincia, público asistente á gala e un dos espectáculos que se desenvolveron no evento. DP

Un espectáculo visual e musical no que o sector turístico foi o verdadeiro protagonista. Así foi a Gala Provincial do Turismo da Deputación, que onte regresou ao Auditorio Mar de Vigo cunha vangardista cerimonia centrada nos "Momentos Rías Baixas", o eixo da campaña 2021 promovida pola institución. A actriz Celia Freijeiro encargouse de conducir o evento no que os chefs e os seus equipos nos sete restaurantes con Estrela Michelin das Rías Baixas foron nomeados embaixadores. Pablo Méndez Performance sorprendeu cun espectáculo no chan e en altura con personaxes de fantasía, e Laura LaMontagne, xunto a Pico Amperio, puxo a banda sonora en vivo coa súa voz e ritmos electrónicos. Todo elo con 150 persoas que puideron vivir a Gala de forma presencial, con todos os protocolos de seguridade, se ben o evento tamén foi televisado e retransmitido por streaming a través da web e das redes sociais institucionais.

A Gala contou coa asistencia da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e do alcalde de Vigo, Abel Caballero, como anfitrión, ademais de alcaldes, alcaldesas e invitados de 42 concellos e mancomunidades. Tamén asistiron representantes sectoriais, entre eles o Clúster de Turismo, as denominacións de orixe, os Festivais Rías Baixas, os Rías Baixas Film Fests, e entidades que aglutinan ás axencias de viaxes, de aloxamento, turismo activo e culturais, xunto coas empresas que participaron na aceleradora TurisTIC, así como medios especializados.

No acto foron homenaxeadas 136 empresas distinguidas co selo do Sistema Integrado de Calidade en Destinos Turísticos (SICTED), un dos obxectivos centrais da celebración do evento. Ademais, anunciáronse as gañadoras e gañadores do primeiro concurso "Momentos Rías Baixas" en redes sociais, no que resultaron premiadas Diana Miaus, Rosa Fernández, Viajero Gastronómico, Betty das Neves e Estefanía Lago.

Na súa intervención, a presidenta da Deputación amosou a súa emoción por poder volver facer «a gran noite do turismo na provincia». «Este ano», dixo Silva, «a Gala do Turismo era máis necesaria que nunca e debemos estar preparados para cando se poida viaxar. Sodes un sector fundamental, desexámosvos todo o ánimo e fortaleza e traballaremos man con man con vós para que cheguen pronto de novo os bos momentos», sinalou. «Pronto chegará a normalidade e será o momento de dar o pistoletazo de saída a este sector tan potente». A dirixente tamén destacou o compromiso coa excelencia: «Apostamos pola calidade, como se manifesta no feito de que somos líderes en distintivos SICTED; e sairemos máis fortes e ben posicionados para fidelizar visitantes, atraer a novas viaxeiras e viaxeiros e consumidores e abrir mercados».

Os novos embaixadores e embaixadoras Rías Baixas foron homenaxeados no momento central da Gala cando os e as responsables dos sete restaurantes con Estrela Michelin da provincia foron chamados ao escenario: Javier Olleros e Amaranta Rodríguez (Culler de Pau), Pepe Solla (Casa Solla), Pepe Vieira, Yayo Daporta, Rafa Centeno e Inés Abril (Maruja Limón), Iñaki Bretal (O Eirado da Leña) e Alberto González Prelcic e Goretti Álvarez (Silabario). En representación de todos eles, Pepe Vieira e Amaranta Rodríguez agradeceron á Deputación «este nomeamento como embaixadoras/es deste pequeno grande paraíso que son as Rías Baixas». Tamén aproveitaron a ocasión para enxalzar que a gastronomía da provincia «non soamente é produto, senón que detrás hai homes e mulleres que fan que sexa o que é, e que a día de hoxe o están a pasar mal». Neste eido, as e os novos embaixadores pediron «altura de miras para saír desta situación e que entre todas e todos construamos a hostalaría e o turismo do futuro».

O espectáculo audiovisual e musical tinguiu toda a gala, na que se proxectaron varios vídeos, entre eles o da campaña 2020 "Sigue o teu instinto" (que vén de ser premiado na categoría de "ecoturismo" no Festival The Golden City Gate de Berlín) e outro no que responsables de empresas contan anécdotas e momentos especiais; así como os audiovisuais dos artistas participantes.

Comentarios