R logra espectro radioeléctrico para despregar redes de nova xeración

O operador galego R logrou espectro radioeléctrico para despregar redes móbiles de nova xeración na Comunidade Autónoma ao facerse na poxa convocada polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio coas licenzas necesarias para operar no bloque de 2x10 MHz da banda de 2,6 GHz.

Fontes da empresa informaron este venres de que este logro lle permite seguir co seu obxectivo de achegar as vantaxes das novas tecnoloxías, coa máxima calidade posible, a todas as persoas e empresas de Galicia.

En concreto, as frecuencias obtidas polo operador galego nesta poxa farán posible o desenvolvemento de redes móbiles propias de tecnoloxía LTE (Long Term Evolution), tamén coñecida como 'superbanda ancha móbil', idóneas para ofrecer servizos móbiles de cuarta xeración e especialmente preparadas para a transmisión de datos en mobilidade.
Do mesmo xeito, a empresa destaca que a posesión de espectro radioeléctrico permite seguir traballando para levar a Sociedade da Información e, en particular, accesos ás novas redes con tecnoloxías móbiles, a zonas de Galicia onde é inviable facelo mediante solucións fixas.

Deste xeito, a fenda dixital iría remitindo aos poucos e podería comezar unha nova etapa no campo do desenvolvemento tecnolóxico da comunidade tamén no rural, afirmou a empresa.

A poxa convocada polo Ministerio abriuse o pasado 29 de xuño e nela participaron 11 operadores (de ámbito estatal e autonómico) para competir polas frecuencias das bandas de 800 MHz, 900 MHz e 2,6 GHz.

Foron un total de 166 roldas e 22 xornadas de poxa nas que se repartiron 270 MHz divididos en 58 bloques.

R desembolsará, finalmente, 1.017.616,22 euros para facerse coa licenza, válida ata o final do ano 2030.

Comentarios