Ramona Maneiro: "Pasaron 21 anos e non nos movemos unha merda"

A muller que axudou a morrer a Ramón Sampedro defendeu que "hai que avanzar para que non haxa outra vez" un caso complexo como aquel

Ramona Maneiro. LAVANDEIRA JR (EFE)
photo_camera Ramona Maneiro. LAVANDEIRA JR (EFE)

A muller que asistiu no seu suicidio ao tetrapléxico Ramón Sampedro, Ramona Maneiro, defendeu este luns que "hai que avanzar para que non haxa outra vez" un caso complexo como aquel no que ela estivo involucrada hai xa 21 anos ou, máis recentemente, o de Ángel Hernández e María José Carrasco en Madrid.

Maneiro decidiu convocar aos medios de comunicación en Boiro (A Coruña) para compartir as súas impresións ante este último caso, despois de que a pasada semana Hernández axudase a Carrasco a quitarse a vida cun barbitúrico, o pentobarbital, ante o sufrimento causado pola súa esclerose múltiple, unha enfermidade neurodexenerativa.

Sobre este caso, do que Maneiro dixo que se decatou polas chamadas da prensa, asegurou que lle dá "envexa" que Ángel "puidese despedirse da súa muller de cara ao público e agarrándolle a súa man". "Deume un envorco o corazón", declarou, antes de apuntar que se trata dun momento "moi complicado" o de axudar a quitarse a vida a unha persoa querida.

"Non coñezo á xente, pero daríalle todos os ánimos do mundo", díxolle Maneiro a Ángel, de cara ao complicado proceso xudicial que terá que afrontar agora, polo que pediu "deixalo en paz un par de días" para que poida asimilar e superar o sucedido. "El ten que seguir a súa vida, porque, logo de 30 anos, ¡miña nai! Necesita respirar", sostivo a compañeira de Ramón Sampedro, que se mostrou convencida de que, desde aquel episodio no que ela interveu pois "seguramente houbo moitos casos de eutanasia que non saíron á luz" porque preferiron apartarse do foco mediático.

"A xente fai moi ben en facelo clandestinamente e en non saír á prensa", terciou, porque "a xente que ten un pouco de corazón" non soporta ver sufrir aos seus seres queridos.

Ante as preguntas reiteradas dos medios, Maneiro entrou a comentar o estado legal actual da eutanasia, sobre o que lamentou que unicamente se aborde durante uns días cando xorden este tipo de casos e logo se deixe no caixón do esquecemento. "Realmente despois todo o mundo se esquece do tema", manifestou, porque "xa pasaron 21 anos -desde o caso de Sampedro- e non nos movemos unha merda" de cara a legalizar este tipo de actuacións.

Maneiro mostrouse pesimista de cara á posible aprobación dunha lei de eutanasia e morte digna porque "o tema político xa é máis complicado", xa que a actualidade está marcada por unha "cuadrilla de inútiles" que só parlotean e "non solucionan nada". "Sofre ti se queres e a xente que non queira, pois que non se permita", quixo dicirlle a todos os que se opoñen a regular estas cuestións, para quen non se cortou en repartir todo tipo de descualificativos.

Maneiro tamén foi consultada pola posibilidade de dar un paso adiante e tomar partido na loita pola legalización da eutanasia, algo que descartou porque entende que "non serviría para esas cousas".

Pola contra, quixo desmarcarse deste tema e trasladou que está cansada de dar a batalla sen obter rédito ningún, ademais de xerarlle problemas a nivel persoal e laboral. "Os políticos mátanse entre eles, alí arriba, non sei como" e despois esquécense do tema, censurou, razón pola que prefire -expuxo- gozar da súa vida en familia.

"Eu fixen todo o que el me dixo e como llo dixo outra xente", resolveu Maneiro para concluír unha comparecencia de prensa na que reiterou que non se arrepinte "de nada" do sucedido con Ramón Sampedro.

Ángel Hernández e Ramona Maneiro son os protagonistas de dúas historias e unha mesma batalla, a despenalización da eutanasia, separadas no tempo por 21 anos de diferenza pero con máis dunha coincidencia: gravación en vídeo, cooperador necesario, veleno e a vida cunha penosa enfermidade.

Comentarios