Reducir a inxesta de sodio e eliminar graxas trans podería evitar 94 millóns de mortes

Un estudo subliña que esas medidas, xunto á redución da tensión arterial, poden ter "un enorme impacto" na saúde cardiovascular

Tensión, presión arterial
photo_camera Reducir a tensión arterial é unha das receitas clave do estudo. ARQUIVO

Tomar medidas a nivel mundial para reducir a presión arterial das persoas, rebaixar o seu consumo de sodio e eliminar as graxas trans da súa dieta podería reducir drasticamente a incidencia da morte prematura por enfermidade cardiovascular no próximo cuarto de século, ata previr un total de 94 millóns de falecementos evitables. Os datos están extraídos dun novo estudo dirixido pola Escola de Saúde Pública de Harvard T.H. Chan, en Estados Unidos. 

"Centrar os nosos recursos na combinación destas tres intervencións pode ter un enorme impacto potencial na saúde cardiovascular ata 2040", explica Goodarz Danaei, o autor principal da investigación, que se publicou na revista Circulation, editada pola Sociedade Americana do Corazón. 

Os investigadores utilizaron datos globais de múltiples estudos e estimacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) para realizar os seus cálculos. Así, estimaron que a ampliación do tratamento da hipertensión arterial ao 70% da poboación mundial podería prolongar a vida de 39,4 millóns de persoas. Reducir o consumo de sodio nun 30% podería evitar outros 40 millóns de mortes e tamén podería axudar a diminuír a presión arterial alta, un factor de risco importante para as enfermidades cardiovasculares. E eliminar as graxas trans podería previr 14,8 millóns de mortes prematuras. 

Máis da metade de todas as mortes atrasadas, e dous terzos das que se evitarían antes dos 70 anos, proxéctanse entre homes, que protagonizan o maior número de falecementos por enfermidades non transmisibles a nivel mundial. Entre as rexións que máis se beneficiarían destas medidas figuran Asia oriental, o Pacífico e Asia meridional, así como os países do África subsahariana.

Comentarios