Roi Casal presentará en maio xunto a Pablo Milanés o seu novo disco 'Son galego. Son cubano'

O artista pontevedrés porá música no seu novo traballo a letras do falecido escritor Xosé Neira Vilas
Roi Casal
photo_camera Roi Casal

O músico galego Roi Casal desvelou este mércores que se atopa en Cuba gravando un novo disco que presentará en maio no Gran Teatro da Habana con un concerto no que estará acompañado por Pablo Milanés e outros grandes músicos do país, que posteriormente sairán de xira con el por distintos puntos de Galicia. No seu novo traballo, que levará por título Son galego. Son cubano, o artista pontevedrés porá música a letras do falecido escritor Xosé Neira Vilas.

O lugar elixido para o concerto de presentación non é casual, xa que albergou no pasado o Centro Galego da Habana e foi a sede da estrea do himno galego en 1907, converténdose durante a primeira metade do século XX nun dos puntos de referencia das decenas de miles de galegos desprazados a Hispanoamérica. Precisamente, son estes emigrantes aos que Casal quere homenaxear na súa nova obra.

De feito, o disco enmárcase nun proxecto máis amplo de recuperación da memoria galega en Cuba, que inclúe a gravación dun documental e varios vídeos musicais en datas próximas na illa caribeña.

Comentarios