A Ruta do Viño Rías Baixas acolle actividades accesibles, bicicleta en familia e maxia

Acollen unha cata ""dirixida exclusivamente a mulleres" con motivo do Día Internacional da Muller
Viticultores de las Rías Baixas trabajando en la vendimia de esta campaña
photo_camera Viticultores de las Rías Baixas trabajando en la vendimia de esta campaña

A Ruta do Viño Rías Baixas presentou este xoves a súa programación anual para 2017, que incorpora como novidades actividades accesibles, bicicleta en familia e sesións de maxia, segundo anunciaron este xoves en rolda de prensa o presidente desta ruta, Juan Gil de Araújo e a xerente, Lorena Varela.  

Na súa intervención, Gil de Araújo destacou que, durante o ano pasado, foron máis de 1.500 as persoas que participaron nas actividades organizadas pola Ruta do Viño Rías Baixas, uns "bos datos" que, conforme sinalou, "animan a seguir innovando con propostas diferentes" que incidan no "progresivo interese que suscita entre foráneos e visitantes" este itinerario enoturístico.

Entre as novidades desta edición organizouse, de modo conxunto coa asociación de persoas xordas de Santiago de Compostela, unha visita e cata de viños signada e está en preparación outra iniciativa dirixida a persoas con parálise cerebral.  

Na Ruta da Ilusión participará o mago Pedro Volta e Quico Cadaval estará a cargo da Ruta con Humor 

Outra iniciativa nova será a Ruta da Ilusión, un programa incluído dentro das xornadas de portas abertas das Rutas do Viño de Galicia, dentro do cal haberá dúas actuacións do mago Pedro Volta. Tamén se programou unha Ruta con Humor, que correrá a cargo de Quico Cadaval.  Así mesmo ofrécese a proposta Bici en familia, que se desenvolverá no municipio das Neves, vinculada a unha nova edición da BTT Ruta do Viño Rías Baixas que se desenvolve na zona do Condado do Tea. Ademais, deseñáronse outros novos percorridos dirixidos aos amantes do sendeirismo.  

Outras novidades deste ano 2017 son unha Fam Tryp da Ruta do Viño de Montilla-Moriles, ademais do percorrido que os alumnos do Máster de Turismo realizarán o próximo 9 de marzo.

CATA PARA MULLERES. Con motivo do Día Internacional da Muller e en colaboración co Consello Regulador desta Denominación de Orixe organizouse unha cata "dirixida exclusivamente a mulleres" e que xa ten todas as súas prazas completas. Coincidindo co Día Europeo do Enoturismo terá lugar o acto central de VINA Cata Amateur, á que se sumará a celebración dunha nova cata pola ría de Arousa a bordo dun catamarán.  

Ademais, manteranse programas xa consolidados como Catas entre Amigos, que comezaron o pasado venres cunha degustación de tintos Rías Baixas en Santiago de Compostela, as seguintes sesións desenvolveranse en Vigo, Pontevedra e O Grove.

Comentarios