"Son días cheos de recordos, emocióname moito ver a foto de miña nai en cada lugar"

Darío Gil Arias é o fillo de Xela Arias ► A súa nai transmitiulle o seu compromiso social e a paixón pola literatura
Darío Gil Arias. EFE
photo_camera Darío Gil Arias. EFE

Que sentiu cando soubo que lle ían dedicar a súa nai o Día das Letras Galegas 2021?

Xa facía varios anos que tiñamos moitas ganas de fose a homenaxeada. Como curiosidade, soubémolo un 22 de decembro coincidindo coa Lotería de Nadal (risas), tomámolo con moita leidicia e principalmente con moito orgullo. Eu pasei por un pequeno momento de angustia por coincidir co ano do coronavirus e non saber moi ben como ía facerse a homenaxe. Viñamos dun ano moi malo con Carballo Calero no que non se puideran facer moitas cousas e tiñamos medo, pero despois xa veu o estrés de chamadas, publicacións, organizar actos... Todo o mundo se implicou moitísimo e xa pasamos a estar moi felices e a desfrutalo ao máximo, que é no que estamos agora mesmo. Intentamos achegarnos alí onde alguén fai un esforzo por recordar a miña nai para devolverlles ese cariño. A familia atopámonos nunha nube.

Como está vivindo estes días de homenaxes e celebracións? Supoño que afloran sentimentos encontrados...

Están sendo uns días frenéticos, cheos de recordos, sobre todo para min son moi emocionantes. Estou revivindo moitas cousas da infancia e estame custando un pouquiño todo isto porque me estou emocionando sobre todo no día a día, vendo a súa foto a cada paso e en cada lugar: en paradas do bus, por internet, nas bolsas do supermercado... Xa comeza a ser unha emoción constante.

Como recorda os anos da súa infancia con ela?

Estanme vindo moitos recordos de viaxes coa miña nai e meu pai de cando iamos a Portugal e no verán tamén a Formentera. Recordo pescar peixiños de colores con eles... E tamén todo o que tiña que ver co ocio e a cultura, ela levábame a todas partes: a contacontos, a recitais, a obras de teatro... Son moitas vivencias que seguen moi presentes.

Como influíu o legado literario da súa nai na súa vida?

Moito, que ela me achegase ao mundo literario e ao mundo da cultura desde que era cativo influíu e foi determinante para que a día de hoxe eu sexa consumidor de literatura en galego.

No ano 1995, Xela Arias publicou Darío a diario onde narra as súas experiencias maternais. Que sentiu ao lelo?

Desde o primeiro momento foi unha lectura moi especial porque ten unha carga emocional moi forte. Resúmese moi ben co verso: Busco o modo de te acompañar sen estorbo. 

Vén de ver a luz despois de 30 anos Non te amola, a primeira obra de narrativa infantil de súa nai que describe a unha Xela nena en Sarria. Como descubriron este texto?

Ela xa traballara moito con este texto no seu momento. Aínda que non chegou a publicalo nunca nós eramos coñecedores del e pareceunos boa idea sacalo agora.

Ía ser un regalo para vostede...

Si, ao lelo pódese entender un pouco que ía dirixido a min aínda que está datado do ano 1991, bastante anterior ao libro Darío a diario, pero ao ter ese marcado carácter infantil probablemente fose dirixido a min. O certo é que a familia tivemos a oportunidade de publicalo coa colaboración do Consello da Cultura Galega e coa Editorial Xerais e está tendo unha acollida magnífica. As ilustracións quedaron moi fermosas e emotivas. Estamos moi satisfeitos do resultado.

Todos os familiares estamos nunha nube. Intentamos achegarnos alí onde alguén fai un esforzo para recordar a miña nai 

Xela foi unha persoa cun enorme compromiso social. Decía Amparo Castaño, a súa avoa, que ela sufría moito sempre polas inxustizas. Inculcoulle esta forma de ver o mundo?

Claro que sí, é unha das moitas cousas que puiden gardar dela. Esa defensa e compromiso é algo que eu tamén intento aplicar sempre na miña vida diaria. Miña nai loitaba moito polas cousas que consideraba xustas, aló onde vía un desequilibrio de forzas que facía que parte ou un colectivo estivese dominado. Entendeu que polo mero feito de estar no mundo tiña que ser feminista, tiña que ser ecoloxista... todo ese tipo de causas eran a consecuencia do gran compromiso e a honestidade da súa particular forma de ver o mundo.

O acto central do Día das Letras é mañá en Vigo pero en toda a provincia de Lugo hai tamén infinidade de recoñecementos. Segue a familia vinculada a Sarria?

Si, por suposto. Temos familia alí e soemos ir bastante, sobre todo no verán. Sarria volcouse moito con esta homenaxe. Fomos á inauguración do paseo A poesía do teatro, onde se colocaron retratos dela pola rúa; tamén lle puxeron o nome a unha rúa; ou un mural coa súa cara na fachada dun edificio, entre outros. Ela quería a Sarria e Sarria quérea a ela.

Como cre que recibiría Xela todas estas mostras de agarimo?

Penso que ela o vería desde dous puntos de vista: por un lado estaría moi orgullosa e ilusionada do moito que a xente se está volcando; e por outro veríao con humildade sabendo que hai moitos poetas que tamén están facendo un magnífico traballo e por determinadas cirunstancias non teñen o foco e non poden ser recoñecidos. Viviríao como unha mestura entre estar abraiada, orgullosa e con ese punto de humildade.

Que un autor sexa o protagonista do Día das Letras é todo un recoñecemento a súa traxectoria. Como cree que influirá esta homenaxe no futuro do legado de súa nai?

O impacto inicial foi moi positivo porque ata o de agora apenas se podía consultar a súa obra nas librerías. Publicouse ‘Poesía reunida’ no ano 2018, pero nun tempo atrás non había nada novo dela. Entón este empuxe consideramos que vai ser moi bo e importante para seguir difundindo o seu legado literario.

"Unha muller tenaz con ansias de liberdade"
Xela Arias faleceu "cando non tocaba" e a súa repentina morte sacudiu tanto ao mundo literario como á súa familia, que mantén un recordo "moi vivo" dela e que a define como unha muller "discreta" pero "tenaz" e sobre todo cunhas "enormes ansias de liberdade". 
Nada en Sarria (Lugo) en 1962, Xela Arias criouse xunto aos seus pais e irmáns nunha contorna rural, na granxa-escola de Barreiros, na que seu pai, Valentín, tamén ensaísta e tradutor, daba clase aos nenos. Nesa contorna, moi vinculado á natureza e á cultura rural galega, Xela forxou as súas primeiras raíces.
"Ela era unha nena como todas as demais, pero destacaba porque lle gustaba moito escribir e ler. Os libros sempre lle gustaron moitísimo e sempre os coidou moi ben porque sentía que eran especiais", explica Amparo, a nai de Xela, que asegura que conserva relatos da súa filla de cando tiña apenas nove anos.

"Toda a vida escribindo"
"Comezou moi cedo a concursar en certames de narracións. Ela dicía: Lémbrome toda a vida escribindo. E é verdade, escribir e os libros era unha cousa que levaba dentro", engade. O cambio do campo á cidade, lonxe de supoñer "un choque" para Xela, foi un descubrimento, pois segundo afirma Amparo, "Xela atopou en Vigo o seu lugar rapidamente, pasando de nena a adulta nos anos da movida viguesa". "Era moi moza pero xa escribía en revistas culturais e de protesta. Foi unha adolescente rebelde, que quería ser libre", conclúe.

Comentarios