Sonia Villapol falará este xoves de covid no foro Encontros no Progreso

A neurocientífica da Pastoriza que investiga en Houston explicará dúbidas sobre o coronavirus
Sonia Villapol. AEP
photo_camera Sonia Villapol. AEP

A neurocientífica da Pastoriza Sonia Villapol Salgado falará este xoves sobre o modo no que o coronavirus afecta o cerebro no foro Encontros no Progreso que organiza este diario.

O acto desenvolverase ás 18.00 horas nas webs do xornal lucense e de Diario de Pontevedra. O redactor xefe do Progreso, José Manuel Freire, será o encargado de conducilo.

Sonia Villapol é investigadora no Texas Medical Center de Houston e integrante dun grupo de científicos de 28 institucións punteiras de todo o mundo na investigación do covid-19.

Nacida en Bretoña en 1977, estudou Bioloxía en Santiago de Compostela. Acabados os estudos universitarios desenvolveu unha importante carreira profesional en diferentes centros de Barcelona, Washington e París. Agora coordina en Houston un grupo de traballo no MIH estadounidense que concentra a súa atención profesional na pandemia mundial.

A investigadora pastoricense analiza a influencia do coronavirus no cerebro, tanto durante a enfermidade como, sobre todo, cando esta foi vencida nun enfermo e quédanlle unhas secuelas. O seu equipo tamén estuda a relación que existe entre as microbiotas intestinais, e o prognóstico e a gravidade que reviste enfermidade.

A científica de Bretoña está centrada en aspectos que poden resultar concreto e complexos, pero a súa mirada e a súa formación convértena nunha experta en calquera asunto relacionado coa pandemia, como poden ser o efecto dos aerosois, as prestacións dos diferentes tipos de máscaras, o covid persistente ou a vacinación.

Ese coñecemento amplo garante que a intervención desta investigadora de Bretoña na nova edición de Encontros no Progreso resultará de interese neste momento dadas as consecuencias da pandemia e axudará a aclarar moitas dúbidas.

Comentarios