Sony estrea a súa aplicación de música online para Android

A multinacional xaponesa Sony anunciou este xoves o lanzamento en nove países, incluída España, de Music "Unlimited powered by Qriocity", un sistema de distribución de música online para teléfonos móbiles co sistema operativo de Google, Android.

O novo servizo de música de Sony, que conta con máis de sete millóns de cancións dispoñibles, permite aloxar o material adquirido nun servidor virtual ou "nube" sen necesidade de ser descargado. A compañía anunciou que o acceso a ''Music Unlimited" realízase a través dunha aplicación para móbiles que se pode descargar desde o sistema Android Market.

O servizo está dispoñible desde este xoves en España, Australia, Gran Bretaña, Francia, Alemaña, Irlanda, Italia, Nova Zelandia e EEUU, aínda que segue sen data concreta para o seu lanzamento en Xapón, anunciou a axencia local Kyodo.

A compañía espera que esta nova aplicación de distribución musical online intensifique a competencia neste mercado que conta con empresas consolidadas como Apple, Amazon ou Google.

O sistema posto en marcha para móbiles é similar ao servizo de descarga de música de Qriocity, que funciona para televisións con conexión a internet e consolas de videoxogos desde 2010. Qriocity foi pechado en abril deste ano tras unha intrusión de piratas informáticos, e reactivouse en todo o mundo, salvo en Xapón, os primeiros días de xuño.

En abril, Sony sufriu tamén o ataque de ''hackers" nas redes das súas plataformas de videoxogos PlayStation Network (PSN) e Sony Online Entertainment (SOE), o que supuxo o roubo de datos de máis de cen millóns de usuarios.

Comentarios