Sudán apraza a condena de 40 lategazos a unha xornalista

Un tribunal sudanés aprazou a sentenza de 40 lategazos á xornalista sudanesa Lubna Husein acusada de vestir pantalóns, tras alegar o seu avogado que ela é traballadora da ONU e xa que logo goza de inmunidade.

A muller foi detida hai dúas semanas nun café da capital sudanesa, Xartum, por vestir esta peza, que se considera "inadecuada e inmoral". Estaba previsto que este mércores se confirmase a sentenza, consistente en 40 lategazos, pero o seu avogado, Nabil Adib, alegou a súa inmunidade diplomática na súa condición de traballadora da ONU.

Protesta de xornalistas e mulleres
Numerosos xornalistas que se deron cita no xulgado protagonizaron un forcejeo coas forzas de seguridade, que usaron porras e impediron que se filmasen os incidentes. Decenas de mulleres presenciaron o xuízo, algunhas ataviadas con texanos e outras enarboraron pancartas nas que denunciaban a violación dos dereitos humanos.

Á vista asistiron representantes diplomáticos das embaixadas de Francia, España, Canadá e Suecia, así como políticos sudaneses e membros da Federación Feminina Sudanesa.

Lubna dixo que ela desexa "librar unha batalla xurídica para demostrar a inconstitucionalidade da lei da orde pública que condena con lategazos ás mulleres". "Considero que a lei infrinxe a Carta Magna", engadiu.

Lubna escribe en publicacións sudanesas nas que critica a situación do país, ao seu réxime e aos extremistas islámicos. Sudán, un país cunha poboación maioritariamente musulmá, é un dos máis estritos na rexión en asuntos relacionados coa moral pública. En gran parte do país rexe a sharia ou código legal islámico.

Comentarios