Todo o que debe saber sobre a final do Benidorm Fest: horarios, orde e onde vela

Tanxugueiras, que actuarán de segundas, intentarán que a realización televisiva recolla mellor os detalles da súa posta en escena
Tanxugueiras

Rayden será o primeiro artista en cantar na final do Benidorm Fest este sábado, a partir das 22.10 horas na 1, seguido de Tanxugueiras, con Terra. Precisamente ambos acaban de lanzar este venres a súa colaboración conxunta: Averno. O certame concluirá coa actuación de Blanca Paloma. 

A representante de España en Eurovisión Junior 2019, Melani García, foi a "man inocente" que elixiu a orde de actuación. 

En concreto, a orde de actuación será: Rayden con Calle de la Llorería; Tanxugueiras, con Terra; Varry Brava con Raffaella; Chanel con SloMo; Rigoberta Bandini con Ai Mamá; Xeinn con Eco; Gonzalo Hermida con Quién lo diría e Blanca Palomas en Secreto del agua.

De cara á final, os artistas de Benidorm Fest prometen "melloras e sorpresas". "O de onte [polo xoves] foi unha festa; eu esquézome das pantallas e para min é un concerto, pero teño ganas de mellorar as cousas que se poden mellorar, que son moitas", afirmou en rolda de prensa Rigoberta Bandini, a máxima favorita a representar a España en Eurovisión 2022 coa súa canción Ai mamá.

Chanel, a outra gran aspirante ao triunfo final tras a súa aplaudida clasificación na primeira semifinal, prometeu "sorpresas" para a súa actuación do sábado. "Será o do mércores cun puntiño máis", anunciou a intérprete de SloMo.

En xeral, todos coincidiron nas súas ganas de puír as súas propostas de face ao sábado, como é o caso de Tanxugueiras, que puntualizaron que queren insistir na realización de televisión, para que se vexan cousas da súa proposta que se perderon no seu momento.

"Sabemos que os galegos van estar dándoo todo", anticiparon sobre a "forza" da súa terra, que se envorcou no televoto do mércores e converteunas a elas e o seu Terra nas máis votadas pola audiencia.

Estas tres candidaturas quixeron lanzar unha mensaxe en contra da "toxicidade" en redes, as críticas e a polarización do público ao redor das súas propostas.

"Eu xa non abro Twitter porque é horroroso. Entre nós non temos ningún tipo de problema. Admirámonos", sinalou Bandini, en liña con Chanel: "Isto é un festival sobre a canción. Para gustos, cores. Non hai que desmerecer a ninguén, nin faltar o respecto".

O trío de pandereiteiras tamén insistiu neste punto: "Somos mulleres co mesmo mensaxe de empoderamento e inclusión. Sexa a que sexa a que gañe, pedimos que nos apoien, porque será unha proposta empoderada, que é o que se necesita neste momento".

Será Blas Cantó, o representante de 2021, quen entregue o micrófono de bronce ao seu sucesor ou sucesora, nunha gala que contará con moitas "caras coñecidas do mundo de Eurovisión", como as de Mocedades ou Pastora Soler, que será unha das artistas invitadas para actuar xunto a Nia e Nyno Vargas.

Do éxito de audiencia da segunda semifinal, que foi seguida por máis de 1,7 millóns de persoas, cun 14,2% de cota de pantalla, María Eizaguirre, directora de Comunicación do ente público, cualificounos de datos "espectaculares" que mostran a unha RTVE "en plena forma".

Á rolda de prensa non puido asistir Gonzalo Hermida, que de momento segue confinado na habitación do seu hotel en Benidorm (Alacante) tras o seu positivo en covid-19.

Ante as suspicacias por que o gaditano puidese clasificarse cun videoclip, cando RTVE prohibiu o uso de em autotune na actuación de Luna Ki, a corporación limitouse a sinalar que "as bases ante notario" recollían ese suposto "por enfermidade".

A proba que se lle realizou este venres deu positivo novamente. Este sábado repetiráselle e, en paralelo, estase "en conversacións con autoridades sanitarias para analizar o escenario e que pódese facer sobre a súa participación na final". 

APOIO DE ASTURIAS E VALENCIA. Ademais do apoio de Mónica Oltra, vicepresidenta da Generalitat valenciana, Tanxugueiras tamén recibiron unha chiscadela desde o Principado de Asturias. O seu director xeral de Política Llingüística agradece ao grupo galego o seu xesto ao integrar o asturiano entre os idiomas de Terra.

Un peliqueiro, no vídeoclip de 'Averno'
O grupo galego Tanxugueiras volveu este venres a sorprender da man de Rayden, coa estrea do novo videoclip titulado Averno, que incorpora a unha das figuras máis representativas do entroido galego, como é peliqueiro de Laza, un dos máis singulares da provincia de Ourense. 

O tema cantado en galego e castelán que, en cuestión de horas supera as 190.000 reproducións en Youtube, contou coa participación deste personaxe neste novo traballo, que realiza unha viaxe polo inferno, co Peliqueiro convertido nunha figura de autoridade. 
 

Comentarios