A empresa pontevedresa RelEYEble recolle un dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

RelEYEble recibiu o galardón polo seu sistema de visión artificial adaptado aos tempos da Covid-19
photo_camera Foto de familia de todas as persoas premiadas, xunto coas autoridades. CEDIDA

O presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan Manuel Lema Rodicio, asegurou este martes que a transferencia de tecnoloxía é unha ferramenta imprescindible para superar a crise sanitaria e económica provocada polo coronavirus. Fíxoo durante a entrega dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, celebrada en Santiago, onde foi recoñecida a empresa pontevedresa RelEYEble. Lema destacou que en momentos coma este a sociedade demanda solucións que só son posibles mediante a investigación e a posterior aplicación dos seus resultados mediante a innovación, o que serve tanto para futuras vacinas e tratamentos como para fórmulas que lles faciliten ás empresas a adaptación á nova normalidade.

Os premios, que este ano alcanzaron a súa sexta edición, recoñecen as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo, cunha dotación de 6.000 euros netos en cada unha das súas categorías. O certame está promovido pola RAGC, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.

A directora da GAIN, Patricia Argerey, subliñou que a transferencia de tecnoloxía é unha prioridade nas políticas de I+D+i da Xunta de Galicia, na medida en que permite valorizar socioeconomicamente o investimento realizado en ciencia. Neste eido, destacou a posta en marcha en Galicia dun programa pioneiro no apoio á transferencia dos resultados da investigación, Ignicia Proba de Concepto, que dende 2016 permitiu apoiar 16 proxectos de centros de coñecemento galegos, dos que xa xurdiron cinco spin-offs e se asinou o primeiro acordo de licenza coa industria.

Argerey tamén destacou o importante papel que xoga a comunicación e a divulgación da ciencia na sensibilización social cara a ciencia, especialmente en momentos coma este, porque "unha cidadanía culta e informada será máis proclive a apostar pola ciencia e a innovación".

Participaron tamén na entrega dos galardóns o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, Xosé Alberto Díez de Castro; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo (UVigo), Mónica Valderrama; e o coordinador institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Antonio de Ron.

SPIN-OFF DA UVIGO. O Premio Ricardo Bescansa Martínez correspondeulle á spin-off da UVigo RelEYEble -radicada en Pontevedra- polo seu sistema de visión artificial capaz de detectar condutas irresponsables no control da Covid-19, recoñecido polo xurado como mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía.

O Francisco Guitián Ojea, que destaca a mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial, foi recollido polo grupo de investigación CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), que, en colaboración coa UDC e co Instituto Ramón y Cajal de Investigación Sanitaria de Madrid, desenvolveu un composto farmacolóxico para evitar os efectos negativos da radioterapia e da quimioterapia sobre a pel dos pacientes oncolóxicos.

Por último, o premio Fernando Calvet Prats, que recoñece o mellor traballo de tecnoloxía xa transferida con éxito ao sector empresarial, foi para o Grupo Interdisciplinar en Tecnoloxía Farmacéutica, Inmunoloxía Parasitaria e Parasitosis Hídricas da USC pola formulación dun verniz de unllas medicamentoso para o tratamento de infeccións fúnxicas e da psoriase ungueal.

Premio de Divulgación para Jorge Mira
Tamén se entregou o primeiro Premio de Divulgación Científica concedido pola RAGC a Jorge Mira, catedrático de electromagnetismo na facultade de física da USC, co que se recoñece a súa traxectoria de máis de 20 anos no eido da divulgación de todos os campos de coñecemento, cun esforzo continuado por achegarlle a ciencia á sociedade a través de múltiples canles: libros e colaboracións en prensa escrita, radio e televisión, ademais da organización de todo tipo de actividades para o gran público, como as conferencias do programa ConCiencia. 

Os premios de Xornalismo Científico Celia Brañas foron para Selina Otero (Faro de Vigo) e Xavier Fonseca (La Voz de Galicia).

Comentarios